8.6 C
Santa Comba
viernes, febrero 13, 2026

Goles e máis goles nesta xornada do fútbol da Costa

Moitos goles nesta xornada do fútbol costeiro, un Soneira intratable na Primeira Autonómica e un susto na Liga da Costa, que por sorte quedouse en só eso, resume esta fin de semana de deporte rei na Costa da Morte.

David Castro (@DavidCastro27)  Fotos: SD Sofán e D&I Fotografías

Na Terceira División, un solitario gol de Iago Blanco no minuto 51 de partido foille suficiente ao Racing Vilalbés para derrotar a un Bergantiños que segue sen arrancar nesta tempada.

Na Preferente Norte, ningún dos nosos equipos acadou a victoria, a pesar de que todos sumaron excepto o Dumbría. 

O Paiosaco visitou o Luis Gorgoso para enfrentarse ao Milagrosa nun partido pouco vistoso e que rematou co resultado inicial. 

Pola súa banda, o Laracha viu como se lle escapaban dous puntos no treito final de partido ante a Sarriana.

Mentres tanto, o Xallas foi quen de igualar un 0-2 adverso ante o Dubra, un dos galos da categoría, nun encontro no que os de Iván Cancela foron mellores no cómputo global.

Por último, o fútbol foi inxusto cun Dumbría que mostrou unha boa imaxe. A pesares desto, os pupilos de José Canosa non puntuaron ante un efectivo Puebla que soubo administar a súa vantaxe.

Intratable e imparable son os adxectivos que acompañan ao Soneira SD nesta Primeira Autonómica da que é líder en solitario. Esta xornada, os soneiráns foron capaces de repoñerse de todo tipo de situacións adversas para acabar goleando a un Palmeira que se puxo por diante moi pronto no marcador e que ademáis xogou cun xogador máis dende o minuto 25. Chapeau para os homes de Manolito e Roland Caamaño.

Na procura do equipo de Vimianzo estaban o Outes e o Malpica, pero ambos caeron derrotados nesta quinta xornada. Os homes de Manu Roque caeron pola mínima na súa visita ao Val do Ulla mentres que os malpicáns vironse superados polo Baio no derbi costeiro. Desta forma, os baieses suman a súa primeira victoria da tempada logo de remontar o tanto inicial do Malpica.

Outro que conseguiu o seu primeiro triunfo no que vai de liga foi o Corme e fíxoo lonxe do Cairo, na súa visita ao Bertamiráns “B”. Dous goles de Juan Chans foron claves para que os cormeláns superasen ao único filial da categoría.

Por último, o Sofán superou ao Tordoia no derbi comarcal nun partido no que o acerto de cara ao gol dos da parroquia carballesa e a súa solidez en defensa lle deron a victoria ao equipo que dirixe Josito.

San Lorenzo e Ponteceso seguen no máis alto da Liga da Costa, ambos conxuntos volveron a sumar os tres puntos nos seus respectivos partidos. Os de Verdillo golearon a un Volantes de Baño, que aínda non sumou no que vai de liga, mentres que os pontecesáns superaron con solvencia a un irregular Unión Club Cee.

O Baíñas é, dende hoxe, o terceiro clasificado logo de que derrotasen ao Fisterra no partido da xornada. Aos da parroquia vimiancesa acompáñanos nese grupo perseguidor, o Sporting Zas, que derrotou cun solitario gol de Rubio ao Mazaricos, e o Castriz que goleou ao Buño en Xaviña.

No partido que enfrontaba a dous dos recén ascendidos, o xogador do Ameixenda, Javi, dou o susto cando quedou inconsciente sobre o céspede artificial do Sampaio dos Refoxos, pero afortunadamente o ceense está totalmente ben. No que respecta ao futbolístico, o encontro  entre o Ameixenda e o Cerqueda rematou co resultado inicial.

Por outra banda, o Camariñas que estreaba adestrador visitaba A Rocheira para enfrontarse ao Coristanco. Pero desta volta, non se cumpriu o dito “adestrador novo, victoria segura” e os da Terra da Pataca vencía pola mínima aos camariñáns.

Mentres tanto, a Esteirana goleaba ao Carnota nun partido no que os azulgranas encarrilaron a victoria na primeira metade.

Por último, o Cabana sumaba o seu primeiro punto da tempada na súa visita ao Porteño nun encontro con moitos goles. Un punto agridoce para os pupilos de Tono, xa que viron como se lle escapaba a victoria nos minutos finais do partido.

O Corcubión é máis líder da Terceira Rexional logo de remontar no Novo Cubaleiro un 0-2 favorable ao Montelouro, con Toja en plan estelar nos corcubioneses xa que foi autor do 1-2 que metiu ao seu equipo no partido e tamén foi o encargado de anotar o tanto que certificou a remontada.

Por outra banda e á espera do que decida a Federación Galega de Fútbol todo fai parecer que o Laxe seguirá na segunda posición da táboa clasificatoria. Os laxenses enfrontáronse a un Lira, que chegou ao Municipal de Laxe con tan só dez xogadores e o colexiado viuse na obrigación de suspender o choque logo de que varios compoñentes do Lira sufrisen lesións musculares que non lle permitiron seguir no partido. Cando sucedeu todo isto, o resultado era de 8-0 favorable ao cadro laxense que dirixe Adrián García.

No que respecta ao Camelle-Muxía, o encontro resolveuse co resultado inicial xa que nin os homes de Jesús de Petrallo nin os de José López foron capaces de aproveitar as súas ocasións para mover o marcador.

Mentres tanto, o Nantón conseguía a súa primeira victoria da tempada, cun Enmanuel en plan estelar, ante un Sporting Seaia que aínda non sumou no que vai de liga.

Esta xornada descansou o CF Castrelo.

TERCEIRA DIVISIÓN

Racing Club Villalbés 1 – 0 Bergantiños CF

PREFERENTE NORTE

Laracha CF 1 – 1 SD Sarriana

SCD Milagrosa 0 – 0 UD Paiosaco

Xallas FC 2 – 2 SD Dubra

Puebla CF 1 – 0 CF Dumbría

PRIMEIRA REXIONAL

SH Palmeira 2 – 6 Soneira SD

Tordoia CF 0 – 2 SD Sofán

Bertamiráns FC “B” 1 – 2 Corme CF

Val do Ulla UD 2 – 1 Outes CF

SCD Malpica 1 – 3 CD Baio

LIGA DA COSTA

Sporting Zas 1 – 0 Mazaricos CF

SD Esteirana 4 – 0 UD Carnota

Ponteceso SD 3 – 1 UC Cee

SD Coristanco 2 – 1 Camariñas FC

CF Porteño 3 – 3 Cabana SD

SD Ameixenda 0 – 0 UD Cerqueda

SD San Lorenzo 7 – 0 Volantes de Baño FC

CD Baíñas 2 – 1 SD Fisterra

Buño SCD 0 – 4 SD Castriz

TERCEIRA REXIONAL

Camelle SD 0 – 0 Muxía CF

Sporting Seaia 0 – 4 CD Nantón

UD Corcubión 3 – 2 UD Monte Louro

SD Laxe 8 – 0 Lira CF (Suspendido)

Descansou CF Castrelo

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!


Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,250SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos