O Concello de Vimianzo fixo unha valoración positiva da segunda edición de Vimianzo M.O.L.A., que rematou este domingo no Castelo de Vimianzo tras tres xornadas de literatura, oralidade, artes escénicas, música, patrimonio e memoria.
Segundo informou o Concello, esta edición supuxo unha evolución respecto da primeira, cun programa que rexistrou un importante movemento de público malia as altas temperaturas rexistradas durante a última fin de semana do verán. Ao Castelo achegouse tanto público específico do festival como visitantes que inicialmente acudían a coñecer o monumento e permaneceron nalgunha das presentacións, conversas ou actuacións programadas.

O programa combinou voces consolidadas da memoria histórica, como Luís Lamela, Luís Sánchez e Montse Fajardo, protagonistas da última Conversa a pé de páxina, centrada nos feitos ocorridos hai 90 anos no Castelo de Vimianzo e as súas consecuencias, con autoras de novela como María Oruña e Arantza Portabales. Tamén participaron autores máis novos da comarca, entre eles Anxo Mouzo e Xulio Romero.
Entre as actividades destacou a presentación da novela Os tres nomes da Sartegua, do vimiancés Alberto Mancebo, ambientada en Vimianzo e con elementos da fala e identidade da comarca, como o seseo. Tamén participaron outros autores e autoras Nerea Pallares ou Modesto Fraga.

O festival contou coa participación das librarías locais, que ocuparon os postos da feira de libros durante os tres días de programación.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordóñez, agradeceu a colaboración das autoras e autores, das librarías, das persoas participantes nas conversas, das artistas e compañías, de Culturactiva, da Deputación da Coruña e do persoal municipal que traballou na organización, ademais de recoñecer a participación do público.
Rodríguez Ordóñez avanzou que o Concello comezará xa a preparar unha terceira edición de Vimianzo M.O.L.A. para o vindeiro ano, coa intención de seguir a facer medrar a proposta cultural desenvolvida no Castelo.



