Atractivo cartel musical para celebrar as “Dolores” 2026 de Castriz, cunha das grandes orquestras a nivel nacional, a París de Noia, reforzada por Suavecito, Los Españoles e a atracción de Pili Pampín. Traballo meritorio da comisión de festas.

París de Noia na Festa do Calimocho
Tres días de festa en Castriz que comezarán o venres 18 coa Festa do Calimocho, con chourizo ó viño, pregón e verbena coa Orquestra París de Noia e a Disco Móbil CDC.
A París de Noia chega coa xira “Va por ti”, mantendo o seu elenco. Forman a “primeira liña”(cantantes), Alba Navarro, Andrea Paracuto. Yamohe Montalvo, Óliver Pérez, Geannis López, Leo García, David Seara coa aportación do “histórico” José Antonio Blas Piñón e de catro bailaríns e dez músicos.

Santa Rita coa orquesta Suavecito
O sábado 19, día na honra a Santa Rita, haberá misas durante a mañá (8,9, 11 e 12h), pasarrúas e concerto dos Gaiteiros Os Garuleiros, misa solemne ás 13,00 e sesión vermú coa Orquestra Suavecito. Pola tarde haberá unha misa ás 19h.
Pola noite, a festa continuará con Suavecito e Disco Móbil CDC. A orquestra fundada por Carlos Mariano segue actuando cunha dianteira formada por Andrea Gutiérrez, Juan Emilio Padrón, Aníbal Mejías “Dibal” e David Bugarin.

Fin de festa con Los Españoles e Pili Pampín
O domingo 20, na honra á Nosa Señora das Dolores, celebraranse os actos relixiosos (9,11,12 e a solemne ás 13h) e a música correrá a cargo dos Gaiteiros Garuleiros.
A sesión vermú e a verbena estarán amenizadas pola orquestra Los Españoles e, pola noite, haberá tamén unha gran sesión de fogos de artificio e a actuación de Pili Pampín.
Los Españoles é unha orquestra habitual nas verbenas galegas. Este ano con importantes novidades. En total seis caras novas, como é o caso das intérpretes femininas, Patricia Dos Santos e Verónica Miranda. Tamén se incorporou o cantante Hernán López. Continúa como cantante, Borja Fuentes, que xa leva varias tempadas nesta formación.
Tampouco necesita presentación, Pili Pampín, que leva máis de 35 anos na escea, desde que gravara o seu primeiro disco coa Orquesta Compostela. É habitual a súa presenza na TVG, e no ano 2023 lanzou un disco con Ortiga.


