A 41ª edición da Festa da Carballeira de Zas puxo este sábado o seu punto e final consolidándose unha vez máis como unha das grandes citas da música de raíz e da cultura popular en Galicia. Desde o mediodía e ata ben entrada a madrugada, o histórico espazo natural acolleu máis de doce horas de actividade sen pausa onde a música, a artesanía, a gastronomía e a convivencia foron as grandes protagonistas.

A xornada arrincou ás 12:00 horas cunha programación de marcada vocación familiar. O público gozou sucesivamente do espectáculo de Paco Nogueiras, a música e o canto tradicional de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, a animación itinerante de Cé Orquestra Pantasma e o show de Mago Teto. A Foliada colleu despois o relevo, enchendo a carballeira de cantareiras e música popular, antes de que a enerxía de Alana pechase a tarde.

En paralelo, os asistentes puideron percorrer durante todo o día o Mercado da Deputación da Coruña, unha das novidades máis celebradas desta edición, que se sumou ao tradicional mercado artesanal do festival. Con máis de 50 casetas de artesanía e produtos locais instaladas no centro do recinto, o mercado converteuse nun dos puntos de maior concorrencia, xunto coa zona gastronómica.

Grandes directos de tarde e noite
Cando caeu a tarde, o escenario principal tomou o protagonismo cos grandes directos da edición. O esperado regreso aos escenarios de Radio Cos abriu o tramo nocturno, dando paso a continuación aos ritmos irlandeses do cuarteto BackWest.


Xa ben entrada a noite chegou un dos momentos máis esperados de todo o fin de semana: as viguesas Fillas de Cassandra pisaron por primeira vez o escenario da Carballeira de Zas para presentar o seu novo traballo, Tertulia, ante un público que encheu o recinto para vivir en directo a súa música. A sesión de Señora DJ puxo, xa de madrugada, o punto final á festa.
Cun balance moi positivo e unha gran resposta de público ao longo de toda a fin de semana, A Carballeira despídese cun bo sabor de boca e coa mirada posta xa na cita de 2027.
Nota de prensa e fotos- Organización Festa da Carballeira




