Novo libro da xalleira Maica Gorgal
A escritora Maica Gorgal falou en Radio Xallas da súa nova novela, Las tejedoras del mar, unha ficción histórica ambientada no barrio do Berbés de Vigo entre finais do século XIX e o comezo da Primeira Guerra Mundial. A autora explicou que a obra naceu da combinación de varias investigacións históricas e do interese polo papel das mulleres nos barrios mariñeiros.
Entrevista a Maica Gorgal en Radio Xallas
Segundo relatou, a idea inicial xurdiu tras coñecer a historia dun grupo de mulleres que empregaban o tecido para transmitir mensaxes durante a guerra.
«Escoitara nas noticias ou lera por aí, nalgún sitio, que unhas redeiras, durante unha das guerras mundiais, transmitían mensaxes á fronte.» A partir desa descuberta, a autora afondou tamén na actividade de espionaxe desenvolvida nos portos galegos durante os dous conflitos mundiais.
Solidaridade, diferenzas sociais e espionaxe
Gorgal aclarou que o título da novela vai máis alá do oficio das redeiras. «As redes refírense un pouco máis e non se centran tanto no labor das redeiras como nese entramado que se formaba nos barrios.»
Nese contexto, destacou que a obra aborda a solidariedade entre as familias mariñeiras, as diferenzas entre clases sociais, a explotación das mulleres nas conserveiras e incorpora tamén unha trama romántica e elementos de espionaxe.
As protagonistas son Catalina e Delaira, dúas amigas criadas no Berbés cuxas vidas evolucionan de maneira distinta ao longo da novela. A autora explicou que ambas manteñen un peso relevante na historia, aínda que «na primeira parte predomina Delaira e, na segunda, predomina o papel de Catalina.»

Unha obra que xa está tendo repercusión
Durante a entrevista, Maica Gorgal mostrou tamén a súa satisfacción pola acollida da publicación. «Estou moi sorprendida, moi contenta, porque a verdade é que en só catro días xa se fixo unha reimpresión.» A escritora indicou que o libro aínda non fora presentado oficialmente nin recibira reseñas cando a editorial decidiu realizar esa nova tirada.
A autora relacionou este interese co éxito acadado anteriormente por A Casa da Mina, especialmente tras a súa edición en castelán, que contribuíu a reactivar a demanda da versión en galego. Tamén destacou que continúa centrando boa parte das súas novelas en personaxes femininas porque considera que «á muller aínda lle queda moito por dicir.»


