Un dos portavoces da organización da Festa da Carballeira de Zas, Fernando Nieto, destacou o respaldo que está a recibir o evento antes da súa 41ª edición e atribuíu esa confianza ao traballo desenvolvido pola organización ao longo dos últimos anos.
Segundo explicou, a venda dos “Bonos Incondicionais” sen anunciar previamente ningún grupo esgotouse en apenas dous días, un feito que considera unha mostra da fidelidade do público. «Foi un respaldo tamén ao noso saber facer de todos estes anos», afirmou.
A 41ª Festa da Carballeira en Radio Xallas
Durante a entrevista en Radio Xallas, Nieto incidiu na importancia de preservar o legado dun festival con máis de catro décadas de historia e asegurar a continuidade da organización mediante a incorporación de novas xeracións. «É unha responsabilidade, moi importante. O legado que nos deixan 41 anos de festa, de tradición, de música. Entón, pois hai que seguir aguantando del, que siga tendo futuro», sinalou.
Respecto da organización, explicou que a parte máis complexa non é a elaboración do cartel, senón o acondicionamento do recinto e a recollida posterior ao festival. «O máis tedioso é esa preparación do recinto… e despois da festa ter que recoller», indicou.
Compromiso solidario – Mi Princesa Rett
Fernando Nieto tamén puxo en valor o compromiso social da Carballeira. Explicou que desde a implantación da venda en liña destínase un euro de cada entrada adquirida por internet a un proxecto solidario diferente cada ano. «Decidimos colaborar con algún proxecto, con algunha ONG… un euro da entrada da venda online destínase a un proxecto solidario», afirmou.Este ano repítese a colaboración con Mi Princesa Rett.
Outro dos aspectos destacados foi a aposta por manter a identidade popular da festa facilitando o acceso gratuíto aos menores de 14 anos e ás persoas maiores de 65. Segundo indicou, a decisión responde á vontade de conservar o ambiente que sempre caracterizou a Carballeira. «Non queriamos perder esta identidade nosa», asegurou.

Un programa moi potente
Durante a conversa repasou tamén a programación musical dos días 7 e 8 de agosto, con actuacións de El Nido, Baiuca, David Pasquet, Paco Nogueiras, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, Alana, Radio Cos, Blackwest e Fillas de Cassandra, entre outras propostas, ademais da sesión vermú, a foliada tradicional, actividades infantís, feira de artesanía e espazos culturais.
Nieto subliñou igualmente o impacto que a Carballeira ten para Zas e a Costa da Morte, tanto pola chegada de milleiros de asistentes como polo retorno económico para o comercio e a hostalaría da contorna.
Ademais, destacou a programación cultural paralela e a exposición dedicada este ano ao voluntariado, ao que definiu como imprescindible para facer posible o festival. «A festa non sería posible sen eles», afirmou ao referirse aos voluntarios.
Tamén explicou que a Festa da Carballeira é “unha experiencia que hai que vivir, os que veñen din que é algo máxico, algo especial, pola contorna, pola música e pola xente”.



