O fundador e cantante de Grupo Fussión, Iván Martínez, repasou nunha entrevista en Radio Xallas a traxectoria da formación, que naceu en 2015 como un dúo para pequenas celebracións e que, ao longo dos anos, foi medrando ata converterse nun grupo cunha posta en escena de maior formato, con seis persoas sobre o escenario.
O músico explicou que os primeiros anos estiveron marcados pola falta de medios e por unha progresiva reinversión dos ingresos para mellorar o equipamento. «Foi un crecemento pouco a pouco. Empezamos en 2015 para cumpreanos e festas pequeniñas. Non tiñamos escenario, non tiñamos nada”.
Tamén lembrou que a pandemia supuxo un punto de inflexión para o proxecto, momento no que decidiron ampliar a formación e apostar por un espectáculo de maiores dimensións.
“Primeiro hai que darse a coñecer”
Durante a conversa, Iván Martínez asegurou que os inicios foron especialmente complicados e que, en numerosas ocasións, aceptaban actuacións con escasa ou ningunha remuneración para darse a coñecer. «Eu sempre pensaba, teño que darme a coñecer». Engadiu tamén: «Para recibir, primeiro hai que dar». E o plan saíu ben para Fussión.
“Soldadito marinero” ou “El Rey”
En relación co repertorio, explicou que Grupo Fussión orienta as súas actuacións cara a un público maioritariamente de entre 20 e 50 anos, cunha selección musical baseada na actualidade, aínda que mantendo cancións que seguen funcionando co paso do tempo. Citou como exemplos «Soldadito Marinero» ou «El Rey», temas que, segundo indicou, continúan tendo unha boa resposta nas verbenas galegas.
Sobre a presente tempada, recoñeceu que o número de contratacións diminuíu respecto doutros anos. Na súa opinión, esta situación pode estar relacionada cun descenso do investimento nas festas populares.
Festa da Pereira con Américo e Grupo Fussión
O artista tamén avanzou a participación de Grupo Fussión nas festas da Pereira, en Santa Comba, o vindeiro 24 de agosto, onde compartirán cartel co popular cantante Américo. Sobre esta cita afirmou: «Eu recomendo moito a xente que vaia a esa festa porque é un ambiente e unha xente marabillosa”.
Na recta final da entrevista, Iván animou á cidadanía a seguir apoiando as verbenas e o traballo das comisións organizadoras. «Que a xente se anime a ir a festas, para que a verbena en Galicia non se acabe”

