Fernando Fernández Rego reivindica o legado musical de Andrés do Barro

O escritor e investigador Fernando Fernández Rego presentou no programa Na Encrucillada de Radio Xallas o seu libro Andrés do Barro, a xénese do pop en galego (Editorial Galaxia), unha obra coa que pretende reivindicar a dimensión artística e histórica dun dos músicos máis relevantes da cultura galega contemporánea. Durante a entrevista repasou a traxectoria do cantante ferrolán, o contexto no que desenvolveu a súa carreira e o proceso de documentación que deu lugar ao volume.

Andrés do Barro «a primeira gran icona pop da cultura galega»

O autor sostivo que o éxito acadado por Andrés do Barro continúa sendo un caso único na historia da música galega. «Realmente o que acadou Andrés non volverá a acontecer nunca máis, que foi catro números un cantando en galego en plena ditadura». Na súa opinión, converteuse «na primeira gran icona pop da cultura galega», cun impacto que transcendeu o ámbito musical e o levou a ser un fenómeno de masas en toda España.

Fernández Rego explicou que leva anos investigando a música popular galega e que considera Andrés do Barro unha figura esencial. «Andrés do Barro é o rei», afirmou ao referirse ao seu papel dentro da música popular galega. O libro incorpora abundante documentación inédita, fotografías, cartas manuscritas e material facilitado pola familia do artista, especialmente pola súa filla.

Galaxia editou o libro sobre Andrés do Barro

Necesidade de recoñecemento da figura de Andrés do Barro

Ao longo da conversa tamén incidiu na falta de recoñecemento institucional cara ao cantante. «En Galicia non hai unha soa estatua dedicada a Andrés do Barro» e defendeu que merece distincións como «unhas Letras Galegas» ou «unha Medalla de Galicia» polo seu labor na dignificación da lingua galega a través da música.

O investigador tamén cuestionou a idea de que Andrés do Barro fose un artista alleo ao compromiso coa lingua.Lembrou que o propio músico escribiu que as súas cancións estaban en galego porque quería «librar do menosprezo que leva durante décadas o idioma da terra», unha declaración que, ao seu xuízo, desmonta determinadas interpretacións sobre a súa figura.

Outro dos aspectos destacados foi a recuperación do chamado «disco perdido», editado finalmente en 2020 tras permanecer décadas inédito. Segundo explicou, ese traballo permite descubrir unha etapa menos coñecida do compositor e reivindicar o seu talento como autor. «Gran parte das cancións de Andrés, o 90 % das cancións, foron do seu puño e letra».

Entrevista en Radio Xallas

Durante a entrevista tamén repasou os problemas que o artista tivo coa censura franquista, as dificultades na súa relación coa industria discográfica e a súa etapa en México. Ao seu entender, Andrés do Barro foi un músico que nunca buscou a fama, senón continuar compondo e interpretando as súas cancións. «Nunca pensou vender un disco» e «sempre dixo que el quería poder compoñer, poder tocar e vivir tranquilo en Galicia».

Fernando Fernández Rego concluíu que a figura de Andrés do Barro segue precisando dunha maior divulgación e recoñecemento, e expresou a súa convicción de que o cantante, falecido en 1989 con 42 anos, deixou unha achega fundamental para comprender a historia da música popular en galego.

Portada do disco perdido de Andrés do Barro

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,260SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos