A organización da 41ª edición da Festa da Carballeira de Zas presentou este xoves o cartel oficial do festival, que se celebrará os días 7 e 8 de agosto e contará cunha programación centrada na música de raíz, as propostas familiares e as actividades complementarias.
O acto de presentación tivo lugar na Coruña coa participación de representantes do Concello de Zas, da Deputación da Coruña, de Estrella Galicia e da organización do evento.
A programación musical arrancará o venres 7 de agosto ás 22.00 horas co concerto de El Nido. A continuación actuarán Baiuca e o músico bretón David Pasquet, encargado de pechar a primeira xornada do festival.
O sábado 8 de agosto as actividades comezarán ás 12.00 horas cun programa orientado a todos os públicos no que participarán Paco Nogueiras, Xabier Díaz, CE Orquesta Fantasma e o Mago Teto. Durante a xornada tamén se desenvolverá a tradicional foliada popular.
Xa pola noite, o escenario principal acollerá as actuacións de Alana, Radio Cos, o grupo irlandés Blackwest e Fillas de Cassandra. A clausura da edición correrá a cargo de Señora DJ.

Durante a presentación, o alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou a evolución do evento e sinalou que “só hai que botar unha ollada á calidade e á envergadura dos artistas que se citan nesta edición para entender por que a Carballeira se consolidou como un dos festivais de referencia”.
Pola súa banda, a deputada provincial de Cultura, Natividade González, puxo en valor “o incrible esforzo de todas as persoas que poñen a alma en sacar adiante este proxecto”.
O director do festival, Diego Blanco, explicou que a nova directiva afronta esta etapa “cun profundo respecto polo camiño percorrido”, coa intención de manter a esencia da cita e reforzar a súa proxección futura.
A organización informou ademais de que os abonos xa están á venda de forma anticipada. As entradas en taquilla terán un prezo de 20 euros por día e 30 euros o abono para as dúas xornadas. Os menores de 14 anos e os maiores de 65 anos poderán acceder gratuitamente. O festival contará tamén con zona de acampada gratuíta, espazo infantil, feira de artesanía e oferta gastronómica.


