A Xunta de Galicia colaborou na publicación do libro Manuel Curros Enríquez. Cartas a José Ojea (1904-1908), unha obra que recompila trinta cartas manuscritas enviadas polo escritor de Celanova ao seu amigo José Ojea durante os últimos anos da súa vida.
Na presentación celebrada en Santiago, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou que a publicación permite coñecer ao autor do Rexurdimento “desde outra perspectiva”, achegando detalles sobre a súa personalidade, vivencias e contexto histórico. «É unha oportunidade de achegarnos a ao autor desde outra perspectiva, redescubrindo outros aspectos da súa personalidade, das súas vivencias e do seu contexto” sinalou.
As misivas foron cedidas por Delfina García Paadín para formar parte do patrimonio documental galego. O volume reproduce cartas enviadas entre xuño de 1904 e xaneiro de 1908, poucos meses antes do falecemento de Curros Enríquez na Habana.
A obra tamén recolle referencias a figuras destacadas da cultura galega como Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía, Rosalía de Castro ou Chané. O destinatario das cartas, José Ojea Otero, foi farmacéutico, escritor, político e un dos fundadores da Real Academia Galega.

