Esa fala melosiña. Experiencias co idioma galego

Unha fala necesita persoas que leven ese patrimonio nos seus beizos e tamén nos seus corazóns. E non só das que nacemos escoitando esa “fala melosiña que celestiales harmonías ten”, como escribía Valentín Lamas Carvajal. Tamén das persoas que coñeceron o noso idioma. A historia está chea de conexións ben fermosas. E dalgunhas delas daremos conta neste artigo.

Rosío

Rosío Pérez: “A min o galego encántame”


Rosío Pérez vive en Santa Comba. É porteira do Xallas FC, que milita na Primeira División Galega de fútbol feminino. Naceu en Jagüey Grande (Matanzas-Cuba). Coñeceu o idioma como estudante: “A primeira vez que escoitei falar galego foi cando estiven estudando na Coruña, aínda que só falaban galego algúns profesores e moi poucos alumnos. Cando cheguei a Santa Comba e todo o mundo o falaba, aí si que notei máis o cambio”.


Gústalle especialmente: “A min o galego encántame, tanto que o falo coas rapazas do meu equipo, no traballo e sempre que teña oportunidade de falalo, vouno facer”. Non foi unha conexión doada, como conta Rosío: “Ao principio si que me custou máis falalo ca entendelo. Incluso hoxe en día, que levo sete ou oito anos escoitándoo, aínda hai cousas que non entendo de todo. Pero agora faise difícil falar castelán co meu acento cubano sen mesturar tamén palabras en galego”. Unha palabra que lle gusta especialmente é “meu”.


Anita Mateu: “Foi un reto aprender galego”


Tamén desde Cuba chegou Anita Mateu, influencer con máis de medio millón de seguidores en YouTube e máis de 300.000 en TikTok.
Afincada na localidade coruñesa de Carballo, sorprendeulle escoitar un idioma descoñecido á súa chegada: “Non entendía nada”.
A Anita chamáballe moito a atención a forma de pronunciar o “s”: “Chamábame a atención como se usaba moito, todo o tempo ‘ssss’, como se tivésemos un escape de gas”.


Mais quixo aprendelo: “Foi un reto para min. Estaba en Galicia, onde falaban este idioma, e así podería entender mellor as persoas”.
Non lle resultou especialmente difícil, “xa que ten similitudes co castelán e certo parecido co portugués”. A maior dificultade, explica, “son as conxugacións verbais e o uso dos pronomes”.


Actualmente, “entendo todo practicamente” e fala “bastante ben”. Incluso colaborou xa en programas da TVG, unha experiencia que lle serviu para perder a vergonza, “xa que pouco a pouco foime saíndo de maneira natural”.
Unha das súas palabras favoritas é “morriña”.

Sabrina Selva: “O idioma é unha marca de identidade moi forte en Galicia”


A napolitana Sabrina Selva é unha recoñecida chef e copropietaria, xunto ao seu compañeiro galego Xosé María Fernández, do restaurante La Tavernetta da Ponte, un establecemento salientable na gastronomía da Costa da Morte, cun lustro de presenza entre os recomendados pola prestixiosa Guía Michelin.


Sabrina leva trece anos vivindo en Galicia e relatou a súa experiencia: “A primeira vez que escoitei falar en galego foi á miña sogra, na súa casa de Ponte do Porto. Eu vivía en Londres, onde coñecín a Xosé María. Hai máis de trece anos acompañeino de vacacións para ver a súa familia e decateime de que nesta parte non se falaba castelán. A miña sogra falaba co seu fillo noutra lingua e eu non entendía nada. Ademais, falaban moi rápido. Os seus amigos e o resto da familia tamén falaban galego”.


Pouco a pouco desenvolveu o seu proceso de inmersión: “Agora fáloo, enténdoo e gústame; paréceme un idioma moi bonito. A min, realmente, gústanme todos os idiomas. Agrádame coñecer cousas novas. Marchei pronto polo mundo e sempre tiven que adaptarme a linguas e costumes. Estiven na India facendo voluntariado e, sobre todo, en Londres, traballando. Hei de recoñecer que o meu primeiro galego foi o de Camariñas, e resultábame brusco, sobre todo pola gheada. Hai palabras no acento desta zona que me resultan duras de escoitar; pero o galego normativo, o da escola e o da TVG, encántame”.


Sabrina considera que “o idioma é unha marca de identidade moi forte en Galicia”, algo que se percibe “desde o primeiro momento”. Ao principio, “o acento da Costa da Morte non me gustaba; a xente falaba moi rápido e con algunhas palabras duras, pero asimileino ben e pronto. Gustábame oír o galego normativo na televisión e compartir lecturas coas miñas fillas. Co tempo fun descubrindo máis cousas e collendo soltura”. Unha palabra que lle encanta é “bolboreta”.

Amad Abu-Suboh Abadia: “Fun feliz en galego”


Amad Abu-Suboh Abadia é xefe de radioloxía da Fundació Hospitalàries de Barcelona. Estivo durante algo máis de catro anos traballando no CHUO ourensán e levou na súa maleta vital anacos de Galicia en forma de lembranzas e palabras.


“Foi como un descubrimento natural, case íntimo; entendía máis do que imaxinaba”, explica Amad, que asegura que “como catalanfalante teño un respecto moi grande e case instintivo polas linguas do país”.


Refírese a unha experiencia moi positiva: “Co galego tiven unha conexión inmediata. O idioma galego paréceme unha lingua chea de beleza, cunha musicalidade serena e unha grande capacidade para transmitir afecto e matices. Para min, unha lingua non é só comunicación; é tamén memoria, identidade e un xeito de ollar o mundo”.


“Falalo parece complicado ao principio”, engade o médico e escritor, que destaca que “fun feliz en galego”. Considera que “as linguas non se conquistan, habítanse, e o galego pono doado: acompáñate”.


Anécdotas dunha conexión


O capítulo de anécdotas daría para un libro. Rosío quedou abraiada cando, nunha das clases de Física e Química no IES Terra de Xallas, “dixéronnos que nos ían ensinar a usar o contapingas”.En Cuba, “pinga” ten unha connotación negativa. Ao chegar á casa, contouno sorprendida: “Mamá, na escola ensinan a dicir palabrotas”.


Sabrina Selva tamén lembra varias situacións curiosas: “Teño moitas anécdotas con Xosé María, cando empezamos a saír. Foi músico e unha vez estaba a tocar a guitarra e díxome: ‘Pásame unha púa’. En italiano, ‘púa’ ten connotacións sexuais, así que levei un susto”.
“Na casa dos meus sogros, cando dicían que ían tomar un caldo, eu pensaba que tiñan calor, porque ‘caldo’ en italiano significa iso”.


Anita Mateu conta tamén unha anécdota das primeiras veces que paseaba por Carballo coa súa mascota. Os veciños preguntábanlle se “era can ou cadela”, e “eu non entendía que me querían dicir e quedaba un pouco en shock”. Unha sorpresa inicial que acabou converténdose en algo habitual. Cirano Núñez é o director da popular orquestra El Combo Dominicano, unha formación xa integrada no panorama verbeneiro galego: “Cando empezamos a tocar por Galicia era moi curioso cando nos falaban en galego, pero xa hai moitos anos que non diferenciamos se nos falan en galego ou en castelán”.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,260SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos