Miryam Mouzo é unha escritora e ilustradora infantil de Camelle, a patria artística daqueloutro curioso dos cadernos pintorlados que foi Man o Alemán. Miryam parte o seu tempo entre Camelle e Tella (Ponteceso), outro lugar tocado pola variña dos vates, co seu piñeiral espeso cantado polo bardo pondal en Campás de Anllóns.
É autora dunha colección de cadernos infantís ilustrados que se poden adquirir en Amazon, orientados en parte á educación infantil, pero que tamén caen en mans de maiores. Son títulos suxestivos como: «Peque, é xenial», «A miña profe é xenial», «O meu profe é xenial», «Papá eres xenial».

Avocato, a nova creación de Myriam Mouzo
Mentres ten lugar esta entrevista asistimos a unha nova creación, Avogato, «para ou meu fillo, que xa pide a parte 2; empezou sendo un conto, é un híbrido, medio conto, medio viñeta». O cómic é unha nova aposta da autora, cuxa imaxinación non descansa.
Un dos cadernos, máis extenso, 98 páxinas, ten máis éxito entre os adultos; é un manual para aprender a debuxar polo método xaponés kawaii, que ela utiliza: «Como debuxar kawaii. Debuxa, xoga e aprende». 61 debuxos, 12 tips.
Aínda que nacen como didáctica infantil, «algúns nenos regálanllos aos pais, aos mestres». Ela traduce kawaii como debuxos cuquis, esas caras redondeadas con ollos grandes dos mangas e animes. Así foron saíndo sete títulos distintos, desde o caderno de ideas e esbozos á paleta gráfica, á aplicación da tableta de debuxo. Todo nace porque o seu fillo lle pedía contos e gustábanlle os seus debuxos. Primeiro foi unha aposta por crear un conto para agasallo do seu fillo ao profe.

Paixón pola temática infantil
Explica a autora: «Pero eu a súa idade xa dicía que quería ser escritora infantil, levo anos facendo isto, para agasallo a sobriños, amigos, escribindo sobre as trastadas compartidas». «Lévame o tema infantil, imaxino moitas cousas e debuxo de xeito natural. O neno víame escribindo e díxome: cando me fas a un para min, para a miña mestra?» di a ilustradora de Camelle.
Algúns xa corren por unitarias, con eles os nenos debuxan, escriben, porque son libretas interactivas. «Quero dirixirme nesta colección a distintos perfís, para que todos se sintan identificados», indica. Ten claro que os contos deben atraer desde o principio, «se a min o que estou lendo non me atrae, en cinco minutos pérdome. Eu poño pasos, cousas divertidas. E uso distintas letras, páxinas a cores diferentes».
Miryam probou con diseños de moda, camisetas, bolsas, na súa marca jataparda, que tivo que deixar durante a pandemia. Agora está inmersa en rematar esta colección de cadernos e en indagar no tebeo tradicional, no cómic.

