Festival de Humor larachés con Leti da Taberna, Marcos Pereiro, Félix el Gato e Oswaldo Digón

A 12ª EDICIÓN DO FESTIVAL DE HUMOR DA LARACHA VOLVE EN MAIO CUN CARTEL DE ALTO NIVEL E CATRO NOVOS ESPECTÁCULOS

Leti da Taberna, Marcos Pereiro, Félix el Gato e Oswaldo Digón protagonizan unha programación variada que consolida o festival como un referente cultural no municipio.

O Festival de Humor da Laracha regresa no mes de maio, consolidado xa como un clásico da programación cultural municipal tras máis dunha década facendo rir ao público. A 12ª edición volverá traer á Casa da Cultura un cartel de alto nivel, variado e pensado para chegar a públicos diversos, mantendo a aposta do Concello pola comedia de calidade da man de Rababiero Promocións Artísticas.

Ao longo de catro venres consecutivos, o escenario acollerá propostas diferentes, con estilos propios e voces recoñecibles, combinando talento galego e estatal nunha programación que busca ofrecer unha experiencia completa e atractiva.

A primeira cita será o venres 8 de maio con Leti da Taberna e o seu espectáculo Enredada. Leticia Miraz, coñecida como Leti da Taberna, chega co seu primeiro monólogo tras acadar grande popularidade como creadora de contidos en TikTok e Instagram, onde suma milleiros de seguidores, participar como concursante no programa da TVG O novo rei da comedia e colaborar en programas da Radio Galega. No espectáculo, en galego e cunha marcada perspectiva feminista, aborda con retranca a relación coas redes sociais e a súa influencia no día a día, propoñendo unha viaxe chea de enerxía na que o público acabará recoñecéndose e rindo de si mesmo.

O venres 15 será a quenda para que Marcos Pereiro faga na Laracha a estrea do seu novo espectáculo: Os marcos. O coñecido actor e cómico presenta un monólogo no que reflexiona, desde o humor, sobre as súas vivencias persoais e os constantes cambios —os “marcos”— que o levaron a construír a súa propia identidade. Cun enfoque orixinal e tras anos de traxectoria, Marcos Pereiro ofrece unha proposta que mestura comedia e análise social cun selo moi persoal.

O venres 22 subirá ao escenario Félix el Gato, cómico madrileño cunha ampla carreira de máis de corenta anos facendo rir tanto en directo como en programas de televisión desde a década dos 80. Porá en escena o seu monólogo Desde mi tejado, no que realiza un percorrido polo cotiá, observando as pequenas cousas do día a día desde unha perspectiva diferente e cargada de humor, como se falase desde o seu propio tellado.

Pechará o festival o venres 29 Oswaldo Digón con IN-CERTO, un espectáculo que combina stand-up e improvisación teatral. Cada función é nunha experiencia única na que o cómico dialoga co público para abordar, con liberdade e moito humor, cuestións moi presentes na sociedade actual como o impacto da tecnoloxía, a ansiedade ou as preocupacións cotiás. Unha proposta dinámica e actual que convida a rir da incerteza que define o noso tempo.

Todas as funcións da 12ª edición do Festival de Humor celebraranse na Casa da Cultura da Laracha ás 22:00 horas. As entradas, ao prezo de 10 euros, estarán á venda a partir do luns 20 de abril na propia Casa da Cultura en horario de luns a venres de 8:00 a 15:00 horas. No caso de quedar entradas dispoñibles, poríanse á venda o propio día do espectáculo desde unha hora antes do seu inicio.

Nota de prensa do Concello da Laracha

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,250SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos