O baixista e teclista de The Rapants, Matías, participou nunha entrevista en Radio Xallas na que falou do novo disco da banda, do proceso de creación das cancións e da resposta que está a ter o traballo entre o público.
Durante a conversa explicou que este novo álbum foi preparado con máis tempo e reflexión que o anterior. Segundo indicou, o grupo quería traballar con máis calma nas cancións: “É un disco que queriamos facer xa desde hai moito tempo”, afirmou. A diferenza do traballo previo, que fora gravado en apenas uns días, nesta ocasión optaron por un proceso máis pausado. “Queríamos facelo moi tranquilos, con tempo para pensar e dar voltas aos temas”, sinalou, destacando que o disco acabou tomando forma ao longo de aproximadamente un ano de traballo.
Matías tamén explicou que o funcionamento interno do grupo baséase nun proceso colectivo no que todos os membros participan nas decisións creativas. Cada integrante pode achegar ideas ou cancións e despois o grupo decide conxuntamente se continúan adiante. “Falámolo moito, debatímolo moito e intentamos apartar os egos; somos unha democracia”, comentou.
Entrevista en Radio Xallas a Matías (The Rapants)
En canto ao resultado final, o músico considera que este novo disco representa o son que a banda levaba tempo buscando. “Eu creo que é o disco que todos queriamos facer”, explicou, subliñando que o traballo mantén a identidade musical do grupo ao tempo que incorpora unha evolución respecto a discos anteriores.
O álbum inclúe tamén algunhas colaboracións con artistas como Joe Crepúsculo, Sara Faro ou Antía Ameixeiras, aínda que, segundo indicou Matías, non foi algo planificado desde o principio. “Non tiñamos pensado facer un disco con colaboracións; foi algo que foi xurdindo entre amigos”, explicou, sinalando que en varios temas contaron con voces ou participacións puntuais como é o caso de “Por que son así” ou “Non sei como”.
O disco comeza co tema “Jrasias por confiar”, unha canción que funciona como unha mensaxe de agradecemento ao público. “É unha maneira de agradecer á xente que estivese esperando e confiando en que volveriamos sacar música”, afirmou.

Durante a entrevista tamén falou da relación do grupo co público nos concertos, onde algunhas cancións provocan unha reacción especial entre os asistentes. Segundo explicou, para a banda é importante esa conexión co público, xa que consideran o directo unha parte fundamental do seu proxecto musical.
Matías sinalou ademais que o grupo está xa preparando os próximos concertos, nos que presentarán as novas cancións. O obxectivo, segundo explicou, é seguir xirando e levar a música de The Rapants a máis lugares, tamén fóra de Galicia, mantendo sempre a identidade do grupo e o uso do galego nas súas letras. O 28 de marzo actuarán no9 Multiusos Fontes do Sar en Santiago, cunha venda de entradas que vai a fume de carozo.
Agora xa se pode gozar con “Rapants Club”, un disco con 12 temas onde como explicaba Matías “falamos de nós de cousas que nos pasan ou preocupan”. E a fórmula dos de Muros funciona de xeito caralludo.

