O escritor Fernando Cabeza Quiles presentou en Radio Xallas o seu libro Defuntos e Santos Inocentes (Espiral Maior), unha obra composta por 63 relatos breves “moi variados, moi imaxinativos, pero tamén ao mesmo tempo moi realistas”, segundo explicou.
Durante a entrevista, o autor precisou que non se trata de microrrelatos, senón de textos curtos centrados en personaxes concretos. Indicou que boa parte das historias parten de vivencias propias, especialmente da infancia e da mocidade. “Eu disfruto con retraerme ao pasado”, afirmou, convencido de que esa etapa vital constitúe un territorio literario fértil.
Cabeza Quiles sinalou que os “defuntos” aos que alude o título son persoas que coñeceu en vida e que deixaron pegada na súa traxectoria persoal. “Son defuntos que marcaron en min unha impronta”, explicou. Trátase, dixo, de individuos “moi singulares”, desde persoas cultas ata outras sen formación académica, pero ás que atribúe unha especial intensidade humana.
En canto aos “santos inocentes”, o autor recoñeceu que o título contén un “guiño” á novela Los santos inocentes de Miguel Delibes. No seu caso, emprega a expresión para referirse a persoas boas das que, segundo apuntou, ás veces se abusa. “Este é un libro de perdedores. Perdedores, pero non tontos”, resumiu. Ao seu xuízo, “a figura do perdedor paréceme moito máis literaria e interesante que a do vencedor”.
O volume inclúe protagonistas diversos —como un cego ao que acompañaba de neno ás feiras ou un ciclista da súa contorna—, cada un deles protagonista dun relato independente. “Cada personaxe vai nun relato, deses 63”, detallou.
O escritor tamén apuntou que a obra incorpora unha dimensión crítica, aínda que afastada do panfleto. “Hai unha crítica social forte, pero non é panfletaria”, asegurou. Esa ollada maniféstase a través de experiencias persoais que, segundo explicou, aborda “dunha forma literaria, universal”.
Sobre a acollida inicial, indicou que os primeiros comentarios foron positivos. “As críticas foron moi favorables”, afirmou, lembrando que algúns dos textos naceron como publicacións en redes sociais antes de seren recompilados no libro.
Cabeza Quiles definiu a escritura como unha necesidade persoal: “Para min é unha necesidade psicolóxica”, concluíu, ao tempo que confirmou a súa intención de seguir escribindo.


