O intérprete e compositor galego Gabriel Fandi visitou os micrófonos de Radio Xallas para repasar o seu momento artístico, a evolución musical dos últimos anos e o significado das súas novas cancións, nunha conversa marcada pola reflexión persoal e pola conexión directa co público.
O artista explicou que o recente cambio de etapa e de nome (G Face) responde a un proceso natural de madurez. Tras iniciar a súa carreira baixo outro nome artístico, decidiu apostar pola súa identidade real. “Ao final todos os artistas evolucionamos”, sinalou, lembrando que comezou moi novo no mundo musical. “Agora teño 24 anos e penso que madurei tanto como artista como persoa. Escoito o meu nome e digo: como non me gustaba daquela, se teño un nome bonito”.
Gabriel Fandi recoñece sentirse satisfeito co camiño percorrido, aínda que entende a música como un proceso constante. “Isto é un escalón continuo, sempre tes que estar abrindo portas”, afirmou, destacando ademais o contacto co público como unha das partes máis gratificantes do seu traballo. “Eu fago as cancións na miña casa, pero logo presentalas e ver a reacción da xente é o máis bonito”.
Autor das súas propias composicións, o cantante asegura que o impacto real da música non se mide só en cifras. Aínda que temas como Mi Luna ou Lo Mismo acumulan centos de miles de reproducións, para el o máis importante son as historias persoais que recibe dos seguidores. “As reproducións son números, pero cando alguén che escribe dicindo que a túa música é un refuxio, iso tócache a alma”, confesou.
Durante a entrevista tamén reflexionou sobre o seu dobre papel como intérprete e compositor, dúas facetas que considera inseparables. “É como escoller entre o pan e o chourizo; teñen que ir xuntas”, explicou entre risas.

«Antes de facer unha canción necesito vivir»
A inspiración, segundo relatou, nace da experiencia diaria e das vivencias persoais. “Antes de facer unha canción necesito vivir. Nunca sabes onde pode estar unha canción”, asegurou, lembrando como unha conversa entre amigos deu orixe ao tema Cabaliño de Lugo. A maior parte das súas letras parten de historias propias ou de persoas próximas que lle permiten contar as súas emocións a través da música.
O artista tamén repasou os seus inicios, marcados pola influencia familiar. “Con catro anos puxéronme unha harmónica na boca e aí acabouse todo”, recordou, destacando que os seus avós xa estaban vinculados ao canto lírico. A primeira composición chegou anos máis tarde, nunha excursión escolar, cando comezou a escribir letras improvisadas nun autobús.
Entre os proxectos máis destacados da súa traxectoria figura o traballo coa orquestra Los Satélites, para quen compuxo varios temas. “É unha honra, porque teño moitísimo respecto pola verbena galega”, afirmou, lembrando cancións como Corazón Galego, La Verbena, Permíteme ou O Chirimbolo, esta última inspirada en lembranzas da súa infancia.

Novo tema de Gabriel Fandi, «loco por ti»
Na conversa tamén abordou o lanzamento recente de Loco por ti, unha canción que define como unha reflexión emocional máis que unha balada romántica. “Non é tristeza, é reflexión”, explicou. O tema formula un dilema sentimental que invita ao oínte a posicionarse: confesar un amor imposible ou gardar silencio.
Fandi destacou ademais a súa experiencia internacional tras gravar en Colombia, onde comprobou a acollida da súa música fóra de Galicia. “Foi unha proba de lume e atopei moito cariño e respecto”, sinalou.
Con novos proxectos en marcha, o artista asegura manter intacta a ilusión polos próximos pasos: “Aínda hai tinta para moito”.

