O Concello de Santa Comba convoca o I Certame Literario Re-Versos con prazo ata o 8 de abril
O Concello de Santa Comba abriu a convocatoria do I Certame Literario Re-Versos, unha iniciativa dirixida a fomentar a creación literaria en galego a través de dúas modalidades: relato breve e poesía.
Segundo recolle a convocatoria, o prazo para presentar os traballos remata o 8 de abril de 2026. O certame establece tres categorías: infantil (6-12 anos), xuvenil (13-17 anos) e adultos (a partir de 18 anos).
No caso das categorías infantil e xuvenil, poderán participar persoas residentes ou escolarizadas en Santa Comba, mentres que na categoría de adultos a participación é libre, aberta a persoas de calquera procedencia.
As obras deberán estar redactadas en galego e presentarse seguindo un formato concreto: tipografía Times New Roman tamaño 12 e interlineado 1,5. A entrega realizarase mediante o envío de dous arquivos en PDF (obra e plica) ao correo electrónico cultura@santacomba.es, ou tamén a través do Rexistro do Concello.
A convocatoria establece premios en metálico en todas as categorías, con cantidades que poden chegar ata os 175 euros. Ademais, o Concello indica que as obras gañadoras e outras seleccionadas serán publicadas nun libro oficial con ISBN.
O certame tamén especifica que non se admitirán textos xerados por intelixencia artificial.

