Kike Varela presentou “San Salvador” en Radio Xallas

O DJ e produtor musical Kike Varela pasou polos micrófonos de Radio Xallas para presentar o seu novo lanzamento, “San Salvador”, unha versión electrónica baseada nunha peza tradicional vinculada ao concello de Santa Comba, concretamente á parroquia de San Salvador de Padreiro.

Na entrevista, o artista explicou que este tema continúa a liña que leva tempo desenvolvendo: mesturar música electrónica con elementos da tradición galega, tanto a nivel musical como vocal, co obxectivo de ofrecer unha nova lectura dun patrimonio que, segundo el, segue vivo en moitas parroquias do país.

Entrevista ao Dj Kike Varela

Unha colaboración con Ferriñas Bravas

Un dos puntos centrais da conversa foi a colaboración con Ferriñas Bravas, que participan no tema. Kike Varela explicou que a conexión con elas xurdiu a través das redes sociais e que a súa maneira de cantar encaixaba perfectamente co tipo de fusión que el estaba buscando.

“Eu estaba buscando así por redes sociais vídeos de cantareiras… e din con Ferriñas Bravas”, contou.

O produtor destacou tamén que, ademais das voces, nesta última peza participaron noutros elementos: “No último, en San Salvador, tamén coas panderetas”.

Como chegou a “San Salvador”

Durante a entrevista, Kike Varela aclarou que a peza chegou ata el precisamente a través de Ferriñas Bravas e da entidade na que están vinculadas. “A asociación O Fiadeiro de onde veñen Ferriñas Bravas… tiñan unha versión de San Salvador”, explicou.

A partir de aí, relatou que escoitou a melodía e decidiu avanzar coa idea: “Escoitei o tema e a verdade é que me gustou bastante”.

Foi entón cando, xa coa información que lle foron facilitando, chegou á referencia local: “Era San Salvador de Padreiro, dunhas mulleres cantareiras desa parroquia”.

O artista recoñeceu que non coñecía esa parroquia ata ese momento: “San Salvador de Padreiro non sabía nin que existía”.

Un tema feito con respecto e “cariño”

Kike Varela insistiu ao longo da conversa en que este tipo de adaptacións se fan desde o respecto á tradición e sen pretender substituír a versión orixinal. “Entendo a xente que leva toda a vida na música tradicional e non lle gustan estas mesturas… pero a música tradicional sempre está aí”, afirmou.

Segundo explicou, a súa intención é aportar unha visión moderna que poida servir tamén como ponte para que novos públicos se acheguen á raíz: “Hai xente que recoñecerá o tema orixinal ou coñecerá figuras da música tradicional grazas a este tipo de mesturas”.

Na mesma liña, defendeu que ambas opcións poden convivir: “Pode gustar a versión tradicional, pode gustar a versión moderna ou as dúas, pero todo ten cabida”.

Un guiño directo á igrexa e á parroquia

O produtor tamén explicou que, neste caso, quixeron facer un aceno explícito ao lugar do que procede a peza. “Quixemos facerlle un guiño á Igrexa de San Salvador”, comentou, lembrando que no vídeo publicado en YouTube se incluíu unha ilustración representando o templo.

Segundo indicou, esta é unha maneira de recoñecer e poñer en valor o territorio do que nacen estas cancións.

Sobre o carácter musical do lanzamento, Kike Varela explicou que “San Salvador” non é un tema pensado unicamente para funcionar como éxito inmediato, senón unha peza á que lle dedicou especial coidado.

“Hai temas que os fago pensando en facer un hit… e outros fago máis dando o meu gusto persoal”, afirmou.

No caso de “San Salvador”, asegurou que é unha canción na que buscou un ton máis emocional: “É un tema ao que lle puxen moito cariño… con melodías que tamén emocionan moito”.

Aínda así, destacou que a resposta inicial do público está a ser positiva: “A acollida está sendo moi boa, está gustando bastante á xente”.

Un proceso longo e por etapas

Na entrevista tamén explicou como traballa na produción musical e confirmou que non sempre remata un tema de forma inmediata. No caso de “San Salvador”, revelou que foi un proceso longo: “O día que lle falei a Ferriñas Bravas… foi o 20 e pico de marzo de 2025, e diso xa fai un ano”.

O DJ sinalou que adoita compaxinar varios proxectos ao mesmo tempo e que o calendario de actuacións condiciona moito o ritmo de traballo.Para rematar, Kike Varela avanzou que este ano se presenta intenso en canto a directos e produción musical. “Teño sobre trinta e pico actuacións fechadas, moitas outras a negociar”, explicou.

Ademais, indicou que ten previsto publicar máis música nos próximos meses, co obxectivo de seguir ampliando un proxecto co que, segundo dixo, se sente plenamente identificado.

“Eu sempre… fago isto tendo o máximo cariño e o respecto… e intento dar visibilidade aos sitios onde veñen estas cancións”, concluíu. O DJ fíxose popular polas súa version da “Muiñeira de Chantada” e o por outras producións como “Micaela” ou “Meigallo”.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,250SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos