O músico galego Javi Maneiro presentou en Radio Xallas a súa nova canción, A miña mellor versión, un tema de carácter íntimo e emocional no que aborda a importancia de aprender a dicir que non, a soidade como proceso de sanación e a reconstrución persoal. Durante a entrevista, o artista falou tamén do momento vital e creativo no que se atopa, así como dos seus próximos proxectos musicais.
A canción, segundo explicou, naceu dun proceso moi persoal. “Moita xente con bo corazón non sabe dicir que non, e iso, día tras día, fai moita mella por dentro”, sinalou Maneiro, que recoñece que o tema fala de identificar as relacións que non son auténticas e de asumir cambios vitais necesarios. “Esta canción fala de aprender a dicir que non e de ver quen non son realmente os teus amigos cando o fas”, afirmou.
O músico destacou tamén o valor da introspección e da soidade como ferramentas para avanzar. “Se non choras, non arrancas ese mal que levas dentro”, explicou, engadindo que o proceso pode ser duro pero reparador: “É doloroso, pero moi reconfortante cando ao final es capaz de dicir que non e saír coa túa mellor versión”.
Un tema directo, con raíces e identidade propia
No plano musical, A miña mellor versión combina pop e rock cunha instrumentación coidada, na que tamén hai espazo para elementos tradicionais galegos. Maneiro contou que a canción “saíu moi rápido coa guitarra acústica” e que, tras amosala ao seu equipo, decidiron enriquecer o tema con zanfona, frauta e percusión tradicional. “A flauta representa ese renacer do que fala a canción”, explicou.
O artista puxo en valor o traballo colectivo que hai detrás do proxecto e a importancia de rodearse dun bo equipo. “Eu poño a materia prima, pero é fundamental ter xente que saiba pulir e coidar todo, tanto no musical como na imaxe”, subliñou.
Entrevista en Radio Xallas
Un novo rumbo tras anos de traxectoria
Durante a entrevista, Javi Maneiro tamén falou con claridade sobre o seu momento profesional e o seu enfoque actual, centrado no seu proxecto persoal. Asegurou que leva tempo seguindo ese camiño e que agora se sente máis cómodo artisticamente. “Eu síntome feliz cando son eu mesmo e cando podo cantar o que sinto”, afirmou.
O músico lembrou que, aínda que o seu paso por Heredeiros da Crús marcou unha etapa importante, o seu traballo en paralelo foi constante. “Hai moito traballo feito que moita xente aínda non coñece, e espero que agora o poidan descubrir”, sinalou.
Novos lanzamentos e un ano intenso por diante
De cara aos próximos meses, Maneiro adiantou que xa ten varios temas preparados. Tras Anxos no Inferno e A miña mellor versión, en marzo verá a luz un novo single acompañado dun videoclip, e o obxectivo é completar o disco para publicalo a finais de ano. “Prefiro baixar uns cantos chanzos e ir subindo pouco a pouco, seguro do que estou facendo”, explicou.
A nova canción xa está dispoñible en plataformas dixitais e conta tamén cun videoclip publicado en YouTube. “O importante é que a xente a desfrute e a faga súa”, concluíu o artista na despedida da entrevista en Radio Xallas.



