O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informoude que a Xunta de Galicia declarou Ben de Interese Cultural a música e o baile tradicionais, na categoría de patrimonio inmaterial, co obxectivo de poñer en valor “un dos elementos máis importantes da identidade cultural galega: o noso folclore”.
A decisión foi adoptada no Consello da Xunta desta semana, que deu o visto e prace ao decreto que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia e que outorga o máximo nivel de protección a estas expresións culturais, recoñecendo que na tradición galega o baile precisa da música para expresarse e que ambas son inseparables.
Esta declaración eleva a 794 o número de Bens de Interese Cultural existentes en Galicia e culmina un proceso iniciado en novembro de 2024 pola Consellería de Cultura, tras recibir informes favorables do Museo do Pobo Galego e do Museo Etnolóxico de Ribadavia, así como achegas das comunidades e entidades implicadas.
O decreto recoñece a fonda pegada histórica e social do baile e da música tradicionais e pon en valor o papel das asociacións folclóricas, das cantareiras, das pandeireteiras e das comunidades portadoras como transmisoras e custodias deste patrimonio. Ademais, inclúe medidas de salvagarda centradas na investigación, no ensino e na creación dun arquivo audiovisual público e gratuíto, co obxectivo de garantir a súa transmisión ás vindeiras xeracións.

