9.2 C
Santa Comba
miércoles, marzo 4, 2026

O festival Vimianzo M.O.L.A. arrinca este venres con música, murais e literatura

Tiam GZ (na foto) abren o programa de actividades de #vimianzomola .Cultura urbana e creación colectiva daranse cita ata o 11 de setembro baixo o lema “Un Castelo de lenda”

Vimianzo converterase nas vindeiras dúas semanas nun espazo de encontro coa arte e a literatura coa posta en marcha do novo festival Vimianzo M.O.L.A. (Murais, Oralidade, Literatura e Artes). A primeira edición desta cita cultural comeza mañá, venres 29 de agosto, despois do adiamento motivado pola choiva.

A programación abrirase cun concerto de Tiam Gz (20.00 h, Auditorio da Casa da Cultura) e unha sesión de DJ RPC. As actividades previstas para o sábado, centradas na cultura urbana con talleres de tatuaxe, skate, rap ou parkour, quedan aprazadas ata nova data.

Murais colaborativos e técnicas sostibles

O 3 e 4 de setembro están programados os murais XXL e colaborativos en distintos espazos públicos da vila, realizados con pintura fotocatalítica, que contribúe a limpar o aire. Participarán artistas como Primo Rodríguez, Rakele Cavallo e Doc Toy, con homenaxes a Manuel Rivas, Castelao, Evaristo Martelo e ao campo da feira de Piroga.

Literatura, narración e teatro

Dende o 4 de setembro, o Castelo de Vimianzo acollerá feiras de libros, presentacións literarias e encontros con autores como Manuel Rivas, Pedro Feijoo, Ledicia Costas, Pablo Rivero, Amets Arzallus ou Rebeca Stones, ademais doutros nomes galegos destacados. Tamén se celebrarán espectáculos de narración oral e teatro con Paco Nogueiras, Vero Rilo, Ghazafellos, Mago Teto, Avelino González ou Tanea Caamaño.

Clausura e actividades finais

O festival pecharase o 7 de setembro cunha xornada especial que incluirá a Historia Dramatizada do Castelo, unha charla sobre literatura na Costa da Morte e a inauguración dunha placa conmemorativa. Como epílogo, o 11 de setembro representarase a obra “Castelao” de Culturactiva Producións, destinada ao público escolar no marco do Ano Castelao 2025.

Con esta proposta, Vimianzo M.O.L.A. nace como un festival que aposta pola cultura compartida nas rúas e nos libros, cun programa que mestura música, murais, oralidade e literatura.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,250SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos