Rocío García Suárez, orixinaria de Castriz, presentou en Radio Xallas o seu traballo de fin de carreira sobre a toponimia desta parroquia de Santa Comba. Segundo explica, a idea naceu da súa «paixón pola lingua e pola historia» , mesturando «o académico co personal» para analizar a toponimia de Castriz.
Defende a conservación da toponimia galega porque «é unha forma tamén de preservar a lingua, porque os topónimos galegos están en galego».
A autora, que sempre tivo claro que quería ser docente de lingua galega , optou por este tema cando un profesor lle presentou a posibilidade de estudar a toponimia, decidindo «ir a por todas e falar de Castriz». A experiencia foi «boa», aínda que «un traballo bastante complexo, de moita investigación, de levantar documentación».
Para realizar o estudo, que abarca as 17 unidades poboacionais da parroquia, Rocío comezou investigando a forma «Castriz» e despois o resto dos topónimos. Agradeceu a colaboración do alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, e de José Manuel Vázquez (Huelvis).
Topónimo Castriz
O topónimo que máis lle custou estudar foi «Castriz» , xa que, aínda que se tende a pensar que vén de «castro», ela sostén que non.
Isto débese a que na documentación medieval a parroquia non se denominaba Castriz, senón «San Pedro de Xallas» ou «San Pedro de Sallas».
O primeiro rexistro da forma «Castriz» que atopou, tras «moitos meses de investigación», foi nun documento da Real Chancillería de Valladolid de arredor de 1520. A súa hipótese é que «Castriz» podería provir dun sufixo xermánico «-riz» (latinizado), que significaría «posesor», aludindo a «unha serie de persoas, chamados Os da Casa Casteriqui”.

Topónimo A Mostaza
Outro topónimo singular e complexo de investigar foi «A Mostaza». Rocío baralla dúas hipóteses: que veña da planta da mostaza ou dunha plantación, apoiándose na presenza do saramago, da mesma familia.
A outra posibilidade é que sexa un antropónimo, xa que «na Galiza medieval existiu o nome de muller Mostaza» , aínda que non hai documentación que o xustifique de momento. Polo contexto dos topónimos circundantes, que a miúdo «tiran a explicar a natureza», inclínase máis pola primeira hipótese.
Outros topónimos da parroquia de Castriz
Rocío tamén mencionou outros topónimos como «Boimente» e «Boaña», con raíces celtas, e «Estevez», de orixe latina. «Frieiro», a súa aldea, é un topónimo máis transparente que alude ao frío.
«Vento» tamén é «totalmente transparente». Destacou «A Furoca» e «Escanande» pola súa complexidade, sendo esta última posiblemente de orixe éuscara, co significado de «xunto á montaña rocosa».
O seu traballo de fin de grao foi moi ben recibido, obtendo matrícula de honra, e a universidade de Santiago propúxolle a súa publicación e que continúe investigando.
Rocío afirma que «levei moitísimas sorpresas, sobre todo no caso da forma Castriz». Considera que a toponimia é «a mistura perfecta entre historia, pasado e lingua» , e que en Galicia ten «moito potencial» e «hai tantos aínda sen estudar».
Para aqueles interesados en achegarse á toponimia, Rocío recomenda «o nomenclator de Galicia», unha ferramenta online, e consultar bibliografía de autores como Monteagudo, Ferreiro e Gonzalo Navaza, ou as revistas de onomástica da Real Academia Galega.

