O artista galego Mondra presentou o seu novo álbum, De Ronda, un traballo que el mesmo define como “máis autoral, máis coral e máis conectado coas experiencias da mocidade”.
Xosé Manuel Lema conversou con el en Radio Xallas sobre o proceso creativo, as emocións da presentación e o compromiso coa tradición oral galega.
Un disco que nace da emoción e da tradición
“De Ronda é un disco máis persoal que a miña música anterior”, confesou Mondra. Nese novo traballo mestúrase a vivencia íntima coa colectividade: “É un disco máis coral, porque participaron unha chea de instrumentistas amigas”, explica.
O disco tamén mantén o seu compromiso co patrimonio cultural galego:
“Está en diálogo con elementos da nosa tradición oral, como sempre nos nomes e nas letras das cancións”, apunta.
Mocidade, sexualidade e amor propio como eixos do álbum
Mondra recoñece que “a sexualidade, a comunidade, a mocidade e o amor propio atravesan este disco que por fin xa é de todos e de todas”.
A conexión coa xente nova é clave: “Para min é unha responsabilidade e unha ledicia ser referente para a mocidade”.
As cancións de De Ronda abordan temas actuais sen esquecer o ton reivindicativo e lúdico das cantigas populares: “Vale máis un canciño, por exemplo, tamén é un alegato anticapitalista en toda regra”.
Un proceso de aprendizaxe compartido por Mondra
Logo do éxito do seu anterior traballo, Arden, o artista admite que profesionalizarse foi un reto que superou grazas ao apoio do público: “Puxéronnolo fácil todas as persoas que viñeron aos concertos, que escoitaron as cancións e se uniron á nosa foliada”.
Sobre o proceso de creación do novo disco, destaca o traballo compartido co produtor Hevi: “Foi un proceso de aprendizaxe inmenso durante máis de 10 meses no estudo”.
A tradición dialoga coa contemporaneidade
Mondra é claro sobre o espírito do disco: “Queremos que as cancións soen a hoxe, pero están feitas con instrumentación doutra época: frautas, acordeóns, ventos…”.
A música tradicional convértese no punto de partida de cada canción: “Moitas veces partimos dunha melodía tradicional ou dun arquivo sonoro antigo, dunha muller cantareira. Outras veces, dunha idea ou dunha historia”.
Presentación emocionante e futuro en xira
A presentación de De Ronda en Santiago provocou “unha resaca emocional”, segundo palabras do propio artista: “Defendemos o traballo de tanto tempo enriba do escenario con tanta xente linda que nos acompañou”.
A xira do disco continuará por Galicia durante o verán: “A ronda que estreamos na Capitol vai rondar polo país enteiro”, comenta, entre risas.
Letras Galegas 2025: recoñecemento ás cantareiras
Mondra celebrou que as Letras Galegas deste ano estean dedicadas ás cantareiras: “É un acerto absoluto da Real Academia Galega. Tantas mulleres do país que nos deixaron este legado… Cantaron, tocaron e construíron a nosa memoria colectiva”.
Recoñece nelas as mestras das que aprendeu. Foi observando a elas durante moitos meses, “aprendendo nas súas cociñas” e polo tanto non pode estar máis que agradecido a esta herdanza.
foto portada- Sofía Taboada
Entrevista a Mondra en Radio Xallas- Desde o minuto 60 aprox
As cancións do novo disco de Mondra
- ata que enrouqueza
- por te ver
- achar con quen casar (con Lina e Lola)
- férveme o cu
- se queres
- púxenme guapo
- teño caldo quente
- viva viva (con Pandeireteiras Bouba)
- vale máis un canciño
- como se colea
- ventilar o cuarto (con Antía Ameixeiras)