7 C
Santa Comba
martes, abril 15, 2025

Eu pasei por Camariñas. Cantigas da Terra

Este ano o Días das Letras vai adicado as vellas cantareiras e por iso traemos a estas páxinas un traballo inédito de Rafael Lema apañando cerca de medio milleiro de cantareas da ría de Camariñas. No cuarto apartado «cantigas da terra» incluimos as máis populares coa base do traballo do CNMC de Ponte do Porto de 1978.

500 CANTIGAS TRADICIONAIS DA RIA. Acceso ás anteriores entregas

CANTIGAS DE RETRANCA

CANTIGAS DE AMOR

CANTIGAS DAS PANILLADAS

CANTIGAS DA TERRA

    Vente vindo, vente andando

    miña cariña de rosa;

    vente vindo, vente andando

    que esta terra non é nosa

    Que bonita é a sardiña

    que reluce coma prata

    máis bonito é o mariñeiro

    que coas súas redes mata

    As nenas de Arou

    van lavar ao mar.

    Eu son mariñeiro,

    heinas de ir pescar

    Se vírades o que eu vin

    na feira de Monterroso,

    vintacinco lobos xuntos

    a cabalo dun raposo

    Eu pedinlle leite a vaca

    a vaca pediume herba;

    a herba pediume prado

    o prado pediume rega

    Fun ó monte por sardiñas,

    fun ó mar cargar de toxo;

    polo monte fun nadando

    polo mar nun burro coxo

    De comer chiculate

    morreu a reina;

    se morreu que morrese

    que era larpeira

    Cala ti maleducado,

    cala ti maleducado;

    que para comer o arroz

    excusamos o pescado

    Adeus campo de Carnés,

    campo de fermosura;

    onde se recrea o sol,

    as estrelas e a lúa

    Adeus galpón de Cabanas

    que triste te vas quedando;

    os mineiros que che asisten

    a súa casa van marchando

    Hoxe chove, morena

    mañá hai barro,

    pobre do carreteiro

    que ande co carro

    Ambrosio e Federico

    salvaron o Caramuxo

    coa rapaza no arrechico

    De quen é ese barquiño

    que vai pola Percebeira?

    E o barco San José

    que ven de pescar da beira

    No mar hai un peixe

    que se chama sardiña,

    esto de pescar na noite

    é o que me desanima

    O faro de Camariñas

    está partido en dous cachos:

    un alumea os mariñeiros

    o outro alumea os borrachos

    O faro de Camariñas

    alumea ós muxiáns

    para dicirlles ben alto:

    Vivan os camariñáns!

    Camariñas, Camariñas,

    o rei che quixo vender,

    o que merque Camariñas

    Muitos cartos ten que ter.

    Ó pasar por Camariñas

       por Camariñas pasei cantando.

    As nenas de Camariñas

        quedan no río, quedan lavando

    Eu pasei por Camariñas,

    por Camariñas cantando:

    as nenas de Camariñas

    quedan no río lavando

    Todo son dúas rapazas

    que pasaron por Arou,

    e non as levou o demo

    cando a noticia lle dou

    Pola multa dun peso,

    na pedra da Balaíña

    algúns xa quedaron tesos

    Gracias a garda civil

    por poñer a gamela ó mar,

    pra salvar os mariñeiros

    o martes de Carnaval

    Dos barcos da ría

    dime cal é o mellor:

    é o de Ambrosio

    que a bordo leva a flor

    Miña tía Manoela,

    miña tía Manoela,

    ó santo da Virxe branca

    mexáronlle na gamela

    Alá na braña de Lazo

    largaron a copeada;

    había pulgas e piollos

    e respondiu o Peludo:

    aquí hai peixe pra todos

    Viva o Allo e viva Dor

    viva a Grixa e Xarás

    e viva a feira da Ponte

    de cando era rapaz

    Se queres que o carro cante

    coma o de Canto do Allo

    bota o eixo de loureiro

    e as leituras de carballo

    O carballo de Cereixo

    ten as polas reviradas,

    que llas revirou o vento

    unha nuite de xiada

    Para cantar viva Braño

    e pa bailar Carantoña.

    Para rapazas bonitas,

    O Allo leva a sona.

    Para cantar viva eu

    para bailar meu irmán,

    para tocar o pandeiro

    viva quen o ten na man

    Para bailar viva yo,

    para cantar mi cuñada.

    Para tocar o pandeiro

    miña sogra camellana

    O lugariño de Braño

    todo é pequeno e chan.

    Se o picas miudiño

    aínda dá o azafrán

    Bota viño taberneiro

    bota viño do Ribeiro.

    Taberneiro bota viño

    que o hai na Cas Trabeiro

    Desde O Allo ata Xarás

    hai unha longa cadea,

    toda cheo de suspiros,

    toda de suspiros chea

    No outeiro nace a lúa,

    neste lugar de Xarás

    nace a boa fortuna

    Mándasme tocar a jota,

    eu a jota non a sei,

    pero a quen entra na festa

    a jota lle tocarei

    As rapazas de Camelle

    din que son así

    din que sn andando.

    Que digan o que queiran

    pero todas van casando

    As rapazas do Outeiro

    rabean por casar,

    danlles unha cunca de fariña

    e non a saben peneirar

    As rapazas do Outeiro

    rabean por casar,

    pero entrando na casa

    non a saben gobernar

    O lugar de Tufións

    mui bonito pode ser;

    ten un loureiro no medio,

    alumea sen arder

    Eu para A Ponte hei de ir,

    ou casada ou solteira

    ou criada de servir

    Pasei a Ponte do Porto,

    paseina de madrugada,

    a quen lle quería ben

    aínda quedaba na cama

    De Xaviña somos nós,

    de Xaviña somos nós,

    anque somos de Xaviña

    sabemos servir a Dios

    As rapazas de Carnés

    todas xuntas no sobrado

    pedíronlle a san Antonio

    que as case de contado

    María ten boas pernas,

    que llas vin no corredor.

    Non vin pernas coma elas

    a filla dun labrador

    Pensastes que che quería

    e fui un engaño teu,

    desa túa fermosura

    non me namoraba eu

    Porque che falei un ano

    pensastes que che quería,

    aínda que che falaba outro

    coa misma picardía

    A miña Maruxa ten un caravel,

    teno tan tapado

    que non don con el

    Eu son mariñeiro

    da beira do mar,

    teño unha lanchiña

    para ir navegar

    O sol chámanlle Lourenzo

    e a lúa Catarina,

    Catarina anda de nuite

    e Lourenzo anda de día

    Aluméame luar.

    Aluméame de nuite,

    de día vai descansar

    Despedida de ano vello,

    entradiña de ano novo.

    Os señores desta casa

    os canten con muito gozo

    Vengo de moler morena

    de los molinos de arriba,

    dormir con la molinera

    no me cobró la maquía.

    Vengo de moler morena

    de los molinos de abajo,

    dormir con la molinera

    no me cobró el trabajo

    Teño que ir ó muiño

    ó muiño a polas mozas,

    e teño que maquiar

    unha das máis fermosas

    Unha nuite no muiño,

    unha nuite non é nada.

    Unha semaniña enteira,

    esa sí que é muiñada

    Polo río da Ponte

    baixaba unha chalana.

    Eran os de Camelle

    que iban de carallada.

    Polo río da Ponte

    baixaba unha chalana.

    Eran os do Outeiro

    cantando arriba España!

    Miña nai, miña naiciña,
    miña nai do corazón,
    moitas nais hai polo mundo,
    pero coma a miña non

    Ardelle o eixo, árdelle o carro,

    árdelle o eixo , hai que mollalo.

    Ardelle o carro, árdelle o eixo,

    árdelle o carro, hai que roelo

    A raíz do toxo verde

    é moi mala de arrincare,

    os amoriños primeiros

    son mui malos de olvidare

    Silva verde non me perdas

    que non ton na miña terra,

    nunca silva me prendeu

    que non me ceibara dela

    Estreliña do luceiro,

    estrela da claridá,

    vaise o día, vaise a nuite,

    vaise a nosa mocedá

    Dame lume Sara

    polo vertedeiro,

    dame lume Sara

    que eu son o primeiro.

    Si es o primeiro

    sobe ó sobrado,

    a comer o caldo

    e sen estragalo

    Vamos indo, vamos indo,

    miña cariña de rosa;

    vamos indo vamos indo

    que esta terra non é nosa

    Eu son mariñeiro

    da beira do mar,

    teño unha lanchiña

    para ir navegar.

    Ei veñen ei veñen,

    ei veñen ei van,

    sardiñas fresquiñas

    de pola mañán

    Rapaza das pernas tortas,

    cando vai polo camiño

    sempre vai buscando as voltas

    Teño un can de palleiro

    que de nuite anda ceibado.

    Ten cuidado Maruxiña,

    Maruxiña ten cuidado

    As miñas mans son de prata,

    heinas de mandar labrar.

    Saben tocar o pandeiro,

    tamén saben traballar

    Pasei pola túa porta,

    pedín agua e non ma destes;

    cando pases pola miña

    farei como me fixestes

    Anduvésteste alabando

    que me ibas a deixar,

    ándate meu galaniño

    outro ocupa o teu lugar

    A miña nai cando berra

    peta cos pés no sobrado,

    ela dí que non quer xenro

    e xa llo teño buscado

    Tíñaste por muita moza

    e por muita comenencia,

    agora vaste quedando

    a la luna de Valencia

    Eu non quero home pobre

    que non teña comenencia,

    dorme muitas veces fora,

    non gasto tanta pacencia

    Alégrome que te divirtas

    co amor que xa fui meu,

    agora chúpalle os ósos

    que a carne chupeilla eu

    Se tuveras un amor firme

    muito che iba a querer,

    porque os que hai agora

    son de levar e traer

    Escribíache unha carta

    si tuvera papel branco;

    nin o tinteiro ten tinta

    nin o querer eche tanto

    E nós como somos gandules,

    gandules, gandules;

    e nós como somos gandules

    imos de parranda de sábado a lunes.

    E nós como somos da Ponte

    da Ponte, da Ponte;

    e nós como somos da Ponte

    imos de baranda de día e de noite

    Ó pasar a barca díxome o barqueiro:

    as nenas bonitas non pagan diñeiro.

    Non pagan diñeiro, que non pagan non,

    ó pasar a barca, díxome o patrón:

    vai subir a prenda do meu corazón

    A SOGRA

    Miña sogra morreu onte,

    xa pudo morrer hai anos;

    vai boa de botar medo

    cos dentes arregañados.

    Miña sogra morreu onte,

    deixou o caldo na cunca;

    rezaremos o rosario

    pola alma da difunta.

    Miña sogra miña sogra,

    miña sogra muller boa,

    ela come pan de trigo

    a min dame pan de broa.

    PANDEIRADAS

    Este pandeiriño que che toco

    zúmballe a Marica,

    era do pelexo dunha ovella

    como repenica.

    Como repenica miña nena,

    como repenica.

    Este pandeiriño que che toco

    zúmballe a Marica.

    Por aquel que entrou no baile,

    por aquel que entrou agora,

    por aquel que entrou no baile

    cantarei a nuite toda.

    E non ten ferreñas,

    ferreñas non ten.

    E non ten ferreñas

    e máis toca ben.

    Esta miña pandeireta

    custoume cinco reás,

    as malas linguas do mundo

    din que ma dou un rapás.

    Muito murmuran de min,

    tamén murmuran da Virxe

    e máis ta no camarín.

    Esta miña pandeireta

    é do cuiro dunha cabra,

    aínda onte comeu herba

    hoxe está de foliada.

    Esta vai por despedida,

    esta vai por derradeira.

    Acabouse o chiculate,

    rompeu a chiculateira

    MUXIANAS

    (Manuel Quintáns Suárez)

    San Xulián de Moraime

    ti non es ningún rapaz;

    deixastes roubar a iglesia,

    non sei que carallo fas

    Xa fun a san Campio

    e non fun a xesteira,

    san Campio me arrede

    duha muller perucheira

    San Xulián de Moraime

    feito de pau de loureiro;

    primo carnal dos meus zocos,

    irmán do meu tabaqueiro.

    Cos milagros que ti fas

    non hei deixar de ser vello

    Estreliña do luceiro,

    dame meiga claridá

    para seguirlle os pasos

    ó meu galán que se vai

    O meu amor é celoso,

    non quere que fale a ninguén,

    pro demo do sapocuncho

    que mala idea me ten

    Eres filla do demonio

    e neta dun condenado,

    que na porta do inferno

    tes o teu nome asentado

    Señor mío Jasucristo,

    dios y hombre verdadero:

    para comer estou listo

    pero traballar non quero

    ENTERRO DE GIL ROBLES

    (entruido 1936)

    Dóenche os ollos,

    lávaos con merda.

    Vaite Gil Robles

    o demo che leva

    SANTOS E ROMARÍAS

    San Cristovo de Carnés

    casa con Santa Cristiña

    e lévolle de presente:

    un galo e dúas galiñas

    Santiago de Cereixo

    feito de pau laranxal:

    o pesebre do meu burro

    é o teu irmán carnal

    Acabou san Bartolo

    e tamén a Pasmada,

    a ver quen me ergue

    hoxe da cama

    Túa nai e máis a miña

    e máis outra compañeira,

    tiraron o san Roquiño

    de fuciños na cañeira

    Meu pai era sacristán

    facía varias figuras.

    Mollaba o pan en aceite,

    deixaba os santos a escuras

    Dan dan,

    morriu o sacristán.

    Dan dan,

    coa campana na man

    Santiña dos aflixidos,

    quen che dou os ollos meigos,

    esa flor tan floriada

    que gardas fonda no peito?

    Onde vas mal?

    Onde máis hai.

    Onde máis hai?

    Onde vai o mal

    Sempre me andas preguntando

    de que romaría veño;

    bótame a man na carteira,

    mira que cartiños teño

    CANTAREAS DE PONTE DO PORTO E CARANTOÑA

    (Manuel Quintáns Suárez)

    Se son filla de solteira

    a culpa tena meu pai,

    disque son filla do demo

    que tentou a miña nai

    Catro cornos para o norte

    e catro para vendaval,

    catro para quen murmura

    e cinco a quen me quer mal

    Debaixo da oliveira

    da gusto parrafear,

    toda son follas miúdas

    onde non entra o luar

    A miña muller é vella,

    de vella non pare fillos.

    Hei de mandala colgar

    dunha figueira de figos

    Se queres ver a canela

    érguete cediño,

    verás na miña ventana

    herbaboa nun ramalliño

    Se pasas por Carantoña

    pasarás con cuidadiño,

    que está a nai do demo

    metida nun furadiño

    María, ti es o demo

    que me andas atentando:

    ou no río ou na fonte

    sempre che encontro lavando

    Escoita mozo bizarro

    que che quero preguntar:

    que fabalas onte a nuite

    cando eu viña de lavar?

    Adios río da Portela,

    lavadoiro de lavar.

    Adiós ás mozas de Braño

    onde as deixo quedar.

    Aire, que veño do río,

    Aire, que do río veño.

    Aire que veño do río

    de lavar o meu mantelo

    Rapazas do outro lado

    vinde lavar ao meu río,

    anque a auga non é miña

    nace no meu labradío

    Miña cuñadiña nova,

    chamoume cara lavada.

    Pasa o río pola porta,

    lávate miña cuñada

    Un ceo feito de anacos,

    que Dios del se esquecera,

    cobre o cabelo das mozas

    que bailan todas na eira

    Clarea, lúa, clarea,

    polo Dios que che fundou:

    clarea, lúa, clarea,

    tamén o sol clareou

    CANTIGAS DE CAMARIÑAS

    (Blanco Campaña/Troiano Carril)

    As que son de Camariñas

    chámanse Camariñanas

    chámanse por darse gusto,

    porque lles sae da alma

    Camariñas, Camariñas

    que me vas camariñando

    por unha de Camariñas

    vivo no mundo, vivo penando

    Camariñas, Camariñas

    con todos os arredores,

    no lle chamen Camariñas

    chámenlle xardín de flores

    Eu nacín en Camariñas,

    non hai vila coma ela;

    viva viva Camariñas,

    viva sempre a nosa terra

    Camariñas ten a sona,

    Camariñas sona ten,

    Camariñas ten a sona

    de cantar e bailar ben

    Somos de Camariñas,

    non o podemos negar

    xa se nos nota na cara

    polos airiños do mar

    Camariñas, Camariñas,

    ben te podes alabar;

    que todos os mariñeiros saben

    que tes un porto ideal

    Din que Camariñas é feo

    porque non ten balcóns;

    pero ten uns rapaces

    que rouban os corazóns

    Adiós, Camariñas alegre,

    a popa que che vou virando;

    non sei que me queda dentro

    que os meus ollos van chorando

    Miña Virxiña do Monte

    que os mariñeiros sempre vixías,

    non permitades que morra

    lonxe da terra de Camariñas

    Anque me vexas pasar

    da Ponte cara Cereixo,

    anque me vexas pasar

    queridiña non che deixo

    Lugariño de Buría,

    lugar que de todo ten;

    boas mazás, boas peras,

    boas rapazas tamén

    Somos de Camariñas,

    porto do Faráon,

    onde hai percebes grandes

    e moito mexillón

    Camariñas, tente firme,

    que Muxía xa calou,

    e Merexo está temblando

    do susto que pasou

    Unha cunca de viño

    e un anaco de pan

    fan a miña merenda

    dunha tarde de vran

    Miña Virxiña do Monte

    ten a porta cara ó mar;

    miña Virxiña da Barca

    tena cara ó vendaval

    San Ramón de Camariñas

    ten unha pipa no monte,

    as mulleres beben viño

    os homes auga da fonte

    Cantade nenas cantade,

    por qué non cantades todas?

    As nenas de Camariñas

    son todas palilladoras

    Eu nacín en Camariñas

    unha vila mariñeira

    onte teño os meus amores

    cunha nena palilleira

    O amor da palilleira

    non o queiras meu irmán,

    porque leva todo o día

    sentada sempre no chan

    Palillar, meus palilliños

    si queredes palillar,

    que os rapaciños de agora

    nin ganan para fumar

    O faro de Camariñas

    alúmbralle as muxianas;

    ten un letreiro que di:

    vivan as Camariñanas

    O pobo de Camariñas

    está rodeado de abeneiros;

    o mozo que alí entre

    ten que ter os pés quedos

    Os corviños de Muxía

    desterrados do Vilán,

    viñeron a Camariñas

    por un cachiño de pan

    As nenas de Camariñas

    sonche todas palilleiras;

    as de Xaviña, leiteiras,

    as da Ponte, pregheceiras

    O faro de Camariñas

    non alumbra como debe;

    porque todos os vapores

    van a varan a Camelle

    Os corviños de Muxía

    choran cando canto o galo;

    porque cando van ó mar

    non enganchan un robalo

    Aí veñen os de Buría

    aí veñen os buriáns,

    aí veñen os de Buría

    tirándolle pedras os cans

    Alúmballe faro, alúmbralle,

    alúmbralle as de Mourín,

    para cachear as pulgas,

    que lle sirva de candil

    As mozas de Camariñas

    son pequenas e ruíns,

    quen mas dera todas xuntas

    derreadas dos cadrís

    Veño da Virxe do Monte,

    da Virxe do monte veño,

    veño de subir a costa,

    de subir a costa veño

    La playa de Camariñas

    no la pasean chavales,

    que la pasean marinos,

    pilotos y capitanes

    Camariñas tente firme

    que la Habana ya cayó

    Puerto Rico está temblando

    con el susto que pasó

    Por afuera del Villano

    ya no se puede pasar,

    que trabajan submarinos

    por debajo de la mar

    Camariñas, Camariñas,

    que bonita vas a ser

    con la carretera del faro

    y el muelle que van a hacer

    Adiós, Virxe do Monte

    e o faro Vilano,

    o porto de Camariñas

    e o castillo Soberano

    Adiós, adiós, Camariñas,

    a popa che vou virando;

    a saída é agora,

    a volta: sabe Dios cando!.

    Que barquiño é aquel

    que ven por alta mar?

    É o Elisa y Marina

    que ven de navegar

    Ventiño que ves do norte,

    viñeras do vendaval,

    trouxeras os meus amores

    da costa de Portugal

    Nosa Virxiña do Monte

    alabada sea ela,

    ela é a miña madriña,

    eu son afillado dela

    Quen me dera estar agora

    onde teño o pensamento,

    na ría de Camariñas,

    un pouquiño máis para dentro,

    para ver o meu amor

    que hai tempo que non o vexo

    Somos fillas dos homes

    que van a navegar.

    coa alma moi alegre

    sen medo ó temporal

    Lonxe, moi lonxe, foise meu pai,

    chora que chora quedou miña nai,

    ata que ve os barcos chegar

    coas anduriñas voando no ar

    Somos de Camariñas,

    somos fillas dos homes

    que van navegar,

    mentres nos palillamos

    ata velos chegar

    Indo polo mar abaixo

    o vento levoume a vela,

    a Nosa Virxe do Monte

    doume un pano para ela

    Adiós, Virxe do Monte,

    a popa che vou virando,

    a saida é agora,

    a volta: sabe Dios cando!

    CANTOS DA BARCA

    (X. Fernández Carrera)

    Nosa Señora da Barca

    ten o tellado de pedra,

    ben o poidera ter de outro

    miña Virxe, se quixera.

    Nosa Señora da Barca

    ten a porta cara o mar,

    e un pouquiño máis abaixo,

    ten a pedra de abalar.

    Nosa Señora da Barca

    ten a porta cara o mar,

    e a súa irmá do Monte

    tena cara o vandabal.

    Nosa Señora da Barca

    ten os zapatiños baixos,

    que llos deu un percebeiro

    que ía polo mar abaixo.

    Nosa Señora da Barca

    está de rodillas na porta,

    mirando pros seus romeiros

    como lle baixan a costa.

    Nosa Señora da Barca

    ¿quen che fixo moreniña?

    Foi a raiña do sol

    que entrou pola ventaniña.

    Nosa Señora da Barca

    eu ben a vin embarcar,

    con cunchiñas e ferriñas

    alá no medio do mar.

    Nosa Señora da Barca

    eu ben a vin embarcar,

    con cunchiñas e ferriñas

    todo na beira do mar.

    Nosa Señora da Barca

    Nosa Virxiña valeime,

    que estou no medio do mar(e)

    sin ter barqueiro que reme.

    Nosa Señora da Barca

    eu alá hei ir decote,

    que non me gustan moito os mozos

    de pantalón e bigote.

    Nosa Señora da Barca

    miña santiña querida,

    traédeme o meu amor

    dentro da vosa barquiña.

    Nosa señora de Barca

    mándanolo vento en popa,

    que somos os de Muxía

    levamos a vela rota.

    Nosa Señora da Barca

    alabada sexa ela.

    Ela é a miña madriña

    eu son afillada dela.

    Nosa Señora da Barca

    velaí vai pola ribeira,

    collendo cunchiñas de ouro

    poñendoas na faltriqueira.

    Nosa Señora da Barca

    velaí vai pola ribeira,

    as manguiñas de camisa

    parece unha costureira.

    Nosa Señora da Barca

    está na súa ventaniña,

    facendo agullas de ouro

    pra túa costureiriña.

    Nosa Señora da Barca

    embárcame a min primeiro,

    que son a filla dun probe,

    miña nai non ten diñeiro.

    Nosa Señora da Barca

    ten unha pipa no monte

    as mulleres beben viño,

    os homes auga da fonte.

    Veño da Virxe da Barca

    da Virxe da Barca veño,

    veño de abalar a Pedra,

    de abalar a Pedra veño.

    Veño da Virxe da Barca

    veño de abalar a Pedra,

    tamén veño de vos ver

    Santo Cristo de Fisterra.

    Viva sábado da Barca,

    sábado da Barca viva,

    coma sábado da Barca,

    non o vin na miña vida.

    Pódeche interesar

    DEJA UNA RESPUESTA

    Por favor ingrese su comentario!
    Por favor ingrese su nombre aquí
    Captcha verification failed!
    La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

    Síguenos

    7,820FansMe gusta
    1,661SeguidoresSeguir
    1,826SeguidoresSeguir
    1,150SuscriptoresSuscribirte

    Últimos artigos