7 C
Santa Comba
martes, abril 15, 2025

Eu Pasei por Camariñas. 500 cantigas tradicionais da ría. Cantigas de amor

Este ano o Días das Letras vai adicado as vellas cantareiras e homenaxeámolas cun traballo inédito de Rafael Lema apañando cerca de medio milleiro de cantareas da ría de Camariñas. Tras publicar a primeira parte agora achegamos as cantigas de tema amoroso.

Enlace á parte I

CANTIGAS DE AMOR

Miña nai como era probe

Miña nai

e non tiña que me dar,

Miña nai

deitábame na cuna

Miña nai

e despóis, veña cantar

Quen me dera ter nai

anque fora unha silva,

anque esta me picara

sempre era a nai miña

Bailador bailador é

Bailador bailador há.

O que há ser bailador

xa o foi de rapaz

Porto de Santa Mariña,

todos os barcos dan vela

eu tamén vou dar a miña

O pasar de Touriñana

caíme un remo ó mar,

rapaciña de Muxia

axúdamo a levantar

Cansadiña de tres días

o home douche unha boa tunda;

se as solteiras o saben

nin se casan nin se xuntan

Eu caseime pra montaña

porque había moito pan,

o forno da miña sogra

cría silvas polo vran

Teus pais andan dicindo

que morro por ti;

que morro, mentira,

pero que che quero, si

Quen me dera ter nai

anque fora un limón,

anque o limón amargue

nai do meu corazón

Castillo de Camariñas

nunca tí foras fundado,

que por ti,

vai meu irmán de soldado

Solteiriña, non te cases,

aproveita a boa vida;

que eu sei dunha casada,

que chora de arrepentida

Maldita sea a gripe

cando a Carnés chegou;

un mozo que eu tiña

ven Deus e mo levóu

Maldita sea a Lei,

a fror da miña mocidade

a levo servindo ó rei

Namoro, se posible fora

contigo a guerra iba,

o teu lado me poñería

hasta ver que morría

Cando paso pola túa porta

sempre vou correndo,

pra que non digan teus pais

que de namoro che pretendo

Cando paso pola túa porta

o meu cabalo arrodíllase,

facendo a reverencia

coma se fose a capilla

Quéroche máis a ti

que a hora do reló,

a hora do reló para

e eu de quereche a ti non

Agora que eu me marcho

pra calle da oliva;

quen pasará pola túa porta,

prenda da alma querida?

Agora que eu me marcho

quedas na túa libertá,

falarás con quen ti queiras

ninguén cho privará

Pasei pola túa porta

mirei pola fechadura,

unha fala non me destes

corazón de pedra dura

Por che ver ando de día,

prenda da alma querida,

pra che ver ando de noite

porque non podo de día

Naquel monte hai unha torre

e na torre unha ventana;

na ventana unha nena

que os montañesiños chama

O muíño daquel vello

leva fariña na roda,

a filla do muiñeiro

có seu andar enamora

O pasar Touriñana

recordóuseme María;

de Touriñana pasada

como se nunca a vira

Miña nai como era probe

e non tiña que me dar,

enchíume a cara de bicos

e botouse a chorar

María, tí es o demo

que me andas atentando;

cando en ríos, cando en fontes,

sempre che encontro lavando

Loliña, voume a guerra

tí, comigo non podes vir,

se non podes vir comigo

unha carta vouche escribir

Foi o carteiro a casa de Lola

unha carta a Lola levoulle

e Lola púsose a leela

e un desmaio a Lola doulle

Que che pasa filla da miña vida?

Miña nai, que me vai pasar?

que teño o mozo alá na guerra

e mo van matar

Mariquiña, que estou morrendo

tí soiña pódesme curar;

o remedio telo nas mans

Mariquiña, non me faz magoar

Se teus pais tratan de encerrarche

abre rapaza fenestra e balcón,

xuntaremos os dous corazóns

e falaremos palabras de amor

Eu non sinto o suor da miña frente

nin tampouco o castigo de Dios,

o que sinto é morrer e deixarche

que outros mozos me rouben o teu amor

Alá nas partes de África

hai moras moi meigas,

que cambian a calquer home

o namoro e as ideas

Debaixo da túa fenestra

doume o sono e dormín,

despertáronme os galos

cantando de quererche a ti

Se me tocara máis cerca,

os meus xefes pediría:

permiso de vez en cando

pra verche Isoliniña

Teño carta no correo

que me costou medio peso,

se fora de meu irmán

máis que me costara un peso

Teño carta no correo

eu non sei de quen será;

se é de Xosé, non a quero

se é de Manoel, vou alá

Quisésteme, eu quísenche,

olvidásteme, olvideiche;

os dous tivemos a culpa,

ó primeiro eu deixeiche

Paxariño gorrión

que estás na punta do toxo,

estou esperando as nenas

que teñen o pelo roxo

Aiquí veñen os da tuna

aiquí veñen os tunantes,

aiquí veñen catro mozos

coma catro diamantes

Póñome fora se non me queres

unha maldición xitana,

e eu ando polo mundo

sen levarcha na miña compaña

Camariñas e Muxía,

Corcubión e Fisterra;

esas son as catro vilas

por onde meu amor pasea

Din que o mar é moi longo

que caben moitos veleiros;

no peito do meu mozo.

non caben os meus secretos

Namoreime dunha pedra,

namoreime dun canteiro,

que estaba picando nela

Vivo moi soiña

non teño a ninguén,

cántollo a Galicia

que lle quero ben.

Amante da miña alma

sinto moito olvidarche,

pero eu considero

que sempre non podo amarche

Teño o corazón ferido

dunha puñalada tua,

de me haberes esquecido

namoro sen causa algunha

Teus pais andan dicindo

que ti a reina mereces;

eu a reina non son

non quero que me desprecies

Vente ventiño do mar,

vente ventiño mareiro;

vente ventiño do mar,

serás o meu compañeiro

Cando pasei polo faro

mirei para Camariñas,

recordei a súa ría

a as súas nenas bonitas

Vin polo río da Basa

puxen o pé nunha poza,

nas colinas máis do medio

alí teño a miña moza

O meu mozo prendérono

a cárcere o levaron,

e para maior delito

a morte o sentenciaron

Os sospiros dunha mincha,

as bágoas dun mixillón,

os cantares dun percebe,

fan chorar un camarón

Teño moito que dicirche

peor calar, me convén;

cando o corazón cala,

porque sentimento ten

Teño unha nena en Arou,

outra na Devesa;

se a de Arou é boa moza

a da Devesa, Ai quen a vexa!

Cásate conmigo nena

que son panadeiro;

que teño a roupa limpa

coma un mariñeiro

Aparta loureiro verde,

deixa clarear a lúa,

que se non vexo os teus ollos

non vexo cousa nngunha

Gaivotiña voadora

que levas no teu peteiro?

Unha cartiña de amores

pro meu amor mariñeiro

Que baile el bolero

el bolero baile.

Que baile el bolero

corazón del aire.

A Corme non vou

que dormen no chan

despertan aos homes

as seis da mañán.

A Corme patrón a Corme

a Corme se pode sere

en Corme collín amores

a Corme quero volvere

Heicho de dar queridiña

Heicho de dar meu amor.

Tenme firmeza neniña

Que vas levar o millor

Ei veñen os da Ponte,

nenas que lle habedes dar?

Un cestiño de cereixas

na entrada do lugar

Xa non me falas morena,

prenda do meu adival.

O teu desprezo morena

muito daño me fai

Catro pañueliños teño

e son todos colorados.

Catros mozos que me falan

e tres viven engañados

Xa che devolvín as cartas

e canto tiña de ti,

pero non me devolvestes

o corazón que che din

Non te cases cun ferreiro

que tes muito que lavar,

cásate cun mariñeiro

que ven lavado do mar

Dame la carta cartero

por la virgen del Pilare

que esa carta que espero

es de un pobre militare

Si te dicen que caí

ya sabes mi paradero:

en la Peña Albarracín

primera línea de fuego

Ven aquí loureiro vello

que che quero preguntar:

desas catro lavandeiras

cal delas me vai falar?

Ai Mariquiña detrás dun balado

dame un biquiño que non é pecado.

Ai Mariquiña, detrás dun codeso,

dame un biquiño que ben cho merezo

Costureiriña bonita

dame unha agulla de prata

para quitar unha espiña

de corazón que me mata

O amor da costureira

era papel e mollouse,

agora costureriña

o teu amor acabouse.

Costureiriña bonita,

onde tes a túa cama?

No poleiro das galiñas,

alí durmo entre as pallas.

Costureiriña bonita

que coses na túa casa.

Dime ti costureiriña

a quen tes palabra dada?

DE BODAS

A lúa de xaneiro

fáltalle un día

a ti fáltache un ano

para ser miña.

Adios casa dos meus pais,

ventanas e catro esquinas,

para min xa remataron

as entradas e saidas.

Adios casa dos meus pais,

ventanas e corredores.

Adios ás miñas irmás

que marcho cos meus amores.

A madriña é unha rosa,

o padriño un caravel.

A moza é un espello

e o mozo mírase nel

Eu caseime engañada

e saliume ben ruín,

xa sei que fui culpa miña

pero outra cousa non vin

O día do matrimonio

de Manolo o burián

houbo muita animación

e sin gastar un real.

Carmela matou o galo

fui polas piñas ó monte.

Manuela apañou farelo

E fixo un bolo do pote

A MOZA E O VELLO

Máis quisera ser galiña,

que o raposo me comera,

que casarme cun vello

sendo eu moza solteira.

Casei cun vello

polas moedas.

A moeda acabou,

o vello queda.

Casei cun vello

por tomar chiculate.

Agora resultou ser

que o muiño non bate.

Caseime cun vello,

enterreino entre a cinza;

quería chorar por el,

houben de morrer coa risa.

Caseime cun vello

por botarme a rir.

Armei ben alta a cama

E non podía subir.

En mangas de camisa

vai miña irmá,

por non casar cun vello

que vende gabáns.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,150SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos