500 CANTIGAS TRADICIONAIS DA RIA
Este ano o Días das Letras vai adicado as vellas cantareiras e por iso queremos homenaxealas desde estas páxinas cun traballo inédito de Rafael Lema apañando cerca de medio milleiro de cantareas da ría de Camariñas. Pola extensión iremos publicando o traballo por entregas, a primeira adicada as cancións das palilladas, lugares de traballo e de reunión social dos nosos vellos. Non son as únicas cantareas que falan do panillo ou palillo, no apartado «cantigas da terra» incluimos máis. Agora quedan con esta primeira entrega e o índice temático.
EU PASEI POR CAMARIÑAS
CANTIGAS DAS PANILLADAS
RAFAEL LEMA MOUZO. Abril 2025
INDICE
Introito
1 Cantigas da panillada
2 Cantigas de amor
3 Cantigas de retranca
4 Cantigas da terra
5 Pandereteiras de Santa Mariña
6 Historias e romances
7 Anexos.
Romances vellos e regueifa
Conxuros e meigallos
INTROITO
AS CANTIGAS TRADICIONAIS DA VOLTA DA PONTE DO PORTO
A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama de Cerceda, Eva Castiñeira Santos de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). É unha representación colectiva, como xa se fixo na elección dos trobadores da ría de Vigo en 1998, cos que se rendeu homenaxe á poesía medieval. Coa elección de 2025 quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, según acredita a RAG. No caso das pandereteiras malpicás aproveito para lembrar a figura de Manuel Cajaraville, asíduo pescador de cana no couto da Ponte do Porto na miña nenez, e que xunto a Pedro Cochón e un bo feixe de bos e xenerosos tantas veces visitaron a miña casa. Con estas mencións inicio este cartafol de letras e músicas dalgún día.
Nesta escolma recollemos cantigas, historias e romances da volta da feira da Ponte do Porto, no interior da ría de Camariñas. Son cantareas dos nosos avós e avoas que axudaban a levar mellor os traballos e os días, que falan de lugares de encontro como as muiñadas e as palilladas (ou panilladas). Oficios desaparecidos como o das fiandeiras. Anacos perdidos de vellos romances que non podemos completar, ou de coplas de entruido (o casamento de Manolo o burián), cantos de bodas. Así, ademáis dalgunhas cantigas populares galegas espalladas pola zona temos moitas outras nacidas neste entorno concreto.
Informantes e investigadores
Nas parroquias da Ponte do Porto, Camelle, Xaviña, Camariñas, Cereixo, Carnés, Carantoña, Leis, A O, Ozón. Son una pequena parte dun rico tesouro que se perde se non se apaña, e por iso é necesaria unha proposta coma esta. Fun recollendo nestes anos a testemeuña de tantos informantes, todos xa finados e que merecen polo tanto un recordo: as miñas avoas Amelia Lema e Lucita Rodríguez, Chuquiño da Santa, Gustavo Redondo, Moncho de Dios, Lelo de Canto, Severino de Dor, Gonzalo da Lucha, Orentino, Lola de Carmela, Luisa da Roca, Victorio da Luz. Manolo do Granxolo, Pepe de Rens, Pepe de Amelia, Andrés da Devesa, Bautista do Manco, Lucía da Grela, Otilia do Lugués, Maruja de Francisco, Ricardiño do Lombeiro, Maruja de Mira, a Rusa, Antoniño de Maura. A Avelina Mouzo, que con 112 anos cando a entrevistei debe de ser a informante máis vella rexistrada nun traballo deste tipo.
No ano 1978 no colexio nacional mixto comarcal do Allo- A Ponte do Porto publicaron un libriño artesanal recollendo cantigas e contos. Formaba parte dun esforzo dos directores do centro daqueles tempos, Manuel Castiñeira e Xesús Ramos, por recuperar a cultura das palilladas, do encaixe de Camariñas. Esta foi a base do meu traballo, que segue as súas pautas na ordenación do material: cantigas das panilladas, de amor, de retranca, da terra (e do mar). Inclúo un apartado de historias e romances, coplas sobre todo saídas dos afamados entruidos da Ponte do Porto, dos que temos datos desde 1880 polas liortas entre as comparsas, as autoridades e os cregos locais.
Algúns cronistas e recopiladores da memoria oral fixéronse eco dunhas poucas destas pezas, que se remontan ao século XIX. Autores como Ruth Matilda Anderson, Dorothé Schubarth, Bouza Brey, Manuel Quintáns, Xosé Luis Blanco, Ranón Caamaño, Fernández Carrera, Pepe Baña ou Xosé Troiano anotaron pezas locais nos seus libros. Debo citar a laboura do xalleiro Manuel Quintáns Suárez (O outro mundo na cultura popular galega; tresCtres, Santa Comba 2006), co que colaboramos o seu curmá Anxo Quintáns e máis eu cando levabamos o grupo de gaitas Ventiños da Ponte que obtivo o segundo premio do afamado certame Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela no 1988.
O apartado Muxianas procede das súas recollidas na cara de vendaval da nosa ría. Tamén anoto cantareas e conxuros que rexistrou na Ponte do Porto e Carantoña (MQS). Non por seren populares noutras zonas son menos nosas as cantareas máis sonadas, aínda que máis mérito teñen as versións locais, as diferencias, igual que os acentos e as nosas formas dialectais (que non evito).
Eu pasei por Camariñas
Así o mestre Quintáns anota no citado libro cómo a máis popular cantarea camariñá «pódese aplicar, e de feito é así, a moitos lugares (eu pasei por Vilariño…eu pasei por Vilarnovo), pero sempre coa perversa intención de criticar as mulleres deses lugares». As mulleres lavandeiras son como as meigas, as mouras dos ríos nocturnos. Malia a sona dada na Transición polos Petapouco e a difusión debida sobre todo ao ilustre Xosé Luis Blanco (1979), a nosa canción máis famosa ven do acervo popular e semella moi extendida. Bouza-Brey Trillo recolle no 1973: «Eu pasei por Vilariño,/ por Vilariño cantando:/ as mozas de Vilariño/ quedan no río lavando».
Se ben a maior parte das cantareas (así as chaman as nosas velliñas) son do século pasado e dos tempos dos avós, cando aínda a cultura popular non era folclore e animaba toda a vida social, moi vencellada a terra a ao mar, a tradición e a relixiosidade, nun ámbito espacial concreto de escasa mobilidade e nunha ría convertida na práctica nunha leira monolingüe do galego.
Igualmente teño localizado vellos romances que forman parte do patrimonio común ibérico secular e anacos de perdidas composicións que nos falan da pervivencia no século pasado desta memoria ancestral, esquecida pola falta dos seus últimos garantes. Coplas de feitos históricos: das guerras (civil, de África, de Cuba, mundial), do Castelo do Soberano, do comercio marítimo a vela. Son sobre todo cantigas de catro versos en asonancia dos pares, mais tamén algunha estrofa revirada e ampliada pola pandereteira de turno, as tercetas de longa tradición. Muiñeiras, xotas, boleros. Maiormente usadas nos bailes de pandeiros e pandereteiras das panilladas. Moitas irreverentes, froito dunha época, e todas co uso da gheada e o seseo.
Diversas coplas, diferentes temáticas
As coplas do entruido adquiren un nome de seu neste recopilatorio. A existencia dos gaiteiros locais xa a fins do século XIX, como os Figueiras da Ponte do Porto ou os gaiteiros da Devesa, da rondalla do Casino desde 1915, e da banda de música da Ponte desde principios do século XX ata 1954 serviu para consolidar unha potente colla de creadores (músicos e letristas) que deron sona aos entruidos porteños, rematados a mediados do século pasado coas comparas de Antoniño de Maura (os aviadores, a galiña malvada).
Non é o único aspecto orixinal desta escolma local. Temos un apartado moi noso como son as cantareas nacidas nas escolas de panillo, onde os nosos avós armaban festa na fin da semana cando as mozas remataban o seu labor. E son moi nosas as cantigas e romances dos naufraxios: o Nil, o barco do tabaco. As coplas creadas polas pandereteiras de Santa Mariña, unha das grandes romarías dos tempos de antes. Vellas son as cancións de Nadal, Aninovo e Reis, malia que as recollidas son coñecidas xa do acervo galego e non as anoto.
Unhas cantigas que mesturan o galego e o castrapo, que moitas veces non gardan rima. Incluso houbo un xénero de cantos de mineiros, dos traballadores das minas de wolfram de Brañas Verdes, Brea, do Campo do Turco, nos anos 40 e 50. Homes coma o meu avó Pepe que logo foron ás minas de Asturias e ós encoros de Vibablino, Barrios de Luna. Arrieiros polas congostras montesías, patróns de cabotaxe e pesca recorrendo os portos, traendo e levando contos e cancións. Conservamos moitos destes sons, que merecen o seu rexistro audiovisual, co risco de ficaren no esquecemento. Eran os nosos portos abertos a chegada de influencias, por iso medraron os bailes de acordeón con habaneras, rancheras. Os bailes chegados de alén mar. As cancións mariñeiras dos meriños das Rías Baixas en rondallas e orfeóns.
Faustino Lastres recordaba no 1910 aqueles tempos de farras e de panilladas:
«Contan que naquel entón,/ por non caber no salón,/ iban bailar sobre as tellas,/ e piso que non fendía/ din que era casualidá/; que o digan os de Muxía,/ os da Ponte ou de Buría/ para que vexan si é verdá./ Contan que os mozos que había/ non se podían contar/ e que era tanta a alegría/ que hastra ben entrado o día/ non paraban de bailar; /mais si é ou non é verdade/ o que alí as vellas din/ das farras da antigüedade,/ eu, que son da actualidade,/ xuro hainas, que eu as vin./ Cando os barcos de arribada/ de Corme, Vigo e Gijón/ fondean naquela rada,/ non queda unha palillada/ sin baile de acordeón;/ Non queda unha alma sola/ non se vexa en reunións,/ xa cantando, xa en parola/ hastra os rapaces da escola/ fan rondallas e orfeóns./ E as calles vense cheas/ e as tabernas coguladas,/ uns por alá… cantareas/ e outros en patuleas/ chamando nas palilladas./ Entran alí os forasteiros/ e póñense a namorar,/ baixan do faro os torreiros,/ que sempre son os primeiros/ que se poñen a bailar./ E dun lado a outro lado/ daquela vila sin par/ non hai cornecho calado./ Todo fala do pasado/ e do que está por pasar».
Parte do meu traballo serviu para o TFC de Fátima Santos do que fun mentor no 2015, veciña que elaborou un novidoso proxecto didáctico sobre o noso cancioneiro popular para Maxisterio. Doce anos antes armei unha unidade didáctica sobre os nosos regueifeiros da ría, que me serviu para unha bonita experiencia creativa cos nenos e nenas no colexio público de Coucieiro. A axuda no 2025 da miña compañeira Shaila Agustín na traslación do novo material oral completou este esforzo, que non é mais que un primeiro andar e unha invitación a novos amantes da nosa cultura popular. Unha fiestra aberta ao abismo da memoria, a unha sociedade xa moi distinta a actual pero da que sempre estaremos aprendendo. Sen tradición nada somos.
CANTIGAS DAS PANILLADAS
DA RIA DE CAMARIÑAS.
RAFAEL LEMA MOUZO
CANTIGAS DA PANILLADA
Gracias a vos niña nai
por poñerme a panilleira,
ven a choiva e non me molla
ven o sol e non me queima
As mulleres dalgún día
ben nos podemos acordar,
panillando toda vida
pra non comprar un solar
As velliñas panilleiras
xa non queren acordar;
fóronlle sacar o bolo
alá na pedra do lar
Cóntanlle as vellas as nenas
panillando sen descansar,
e no ano 26 chega o Nil
a praia de Arou varar
Dinlle as vellas as rapazas:
¡Ai Dios Mío! Ninguén hai.
As rapazas de agora,
xa non queren panillar.
As panilleiras antigas
ben se poden acordar;
decían unhas as outras_
¿E que imos merendar?
Un cacho dunha cebola
cun bocadiño de pan.
Dín as panilleiras de antes:
no tempo de guerra,
tivemos que ir
o monte as carrascas;
que nin tíñamos fío,
nin xabrón siquera
pra lavar no río.
Vinde panillar neniñas
Virxe Santa, eu vos amo,
tanto como eu panillei
neste xogo do Rosario
Algún día, panillando nas escolas,
todas éramos chistosas;
fómoslle roubar a broa,
o forno das «Generosas»
Madalena de labores
é unha longa cadena,
toda chea de sospiros,
toda de sospiros chea
A maravilla é
o labor de máis fama;
Lucía da Conda
fai unha na semana
O labor máis solasoso
dentre nós, é a fieita;
pero a Borrega fai tanto
que xa non hai que o queira
Fixemos moitas bandexas
e moitos xogos cameros,
non ganábamos pro pan,
se non fora o estranxeiro.
Pasamos mil sacrificios
pra poder ganar pro pan,
cantas noites panillando
ca candelexa no gas
Miña nai por panillar
parime nun corredor,
por eso a min me chaman:
paxariño voador
As vellas decíanlle as mozas:
!Ale, burras a panillar!
a ver si podedes facer un bolo,
na nosa pedra do lar
Adiós casa de Eiranova,
adiós sala principal;
adiós parra da uva,
adiós fermoso peral
Túas mans sobre a almohada
todiñas se peneiran;
así fan as boas mozas
se teñen quen as queira
Ónde van as panilleiras
que non as vexo panillar;
ónde van as boas mozas
que había no meu lugar
Miña vella, vellouquiña;
vai deixando a almohada,
que xa vas moi gastadiña
O lugariño do Allo
é lugar que todo ten:
boas mozas, vellas meigas
e panilleiras, tamén
Séntome na almohada
pra ganar un patacón,
pola noite levántome
pra durmir nun xergón
Os señoritos mentres
Ven se poden loubar,
o Estado dalle cartos
pra saír pasear;
e as probes das panilleiras
que están cansadas da idade
o Estado garda todo
pra elas nada lle vale.
No ano vintatrés
o barco Santa María,
ven dar a praia de Aróu
co barullo das panillas
Un día na escola
levei unha soba,
por non saber,
o xogo da Corona
Panilleira que panillas
no labor do patacón,
por moito que panilles
non ganarás pro xabrón
As mulleres a panillar
os panillos a barullar,
os gatos a berrar
os ratos a rilar
Érguete miña filla
imos de aí panillar,
có gaño do labor
pouco podemos comprar
Ven de aí miña filliña
que che queren pra casar,
có gaño do labor
logo che vou equipar
As mociñas do Allo
non sabían panillar,
colleron a almohada
e marcharon pasear
Non te namores do aire
que vai pola carretera;
namórate dunha nena
que sea boa panilleira
Panilleira que panillas
no cordón da almohada,
dimo ti panilleiriña
se é túa ou buscada
Panilleira que panillas
no cordón da almohada,
dime ti panilleiriña
A quen tes palabra dada.
¡Eu solo cha dou a ti
Por seres a máis amada!
Agora que ven a moda
de levar as panilleiras,
han de andar as almohadas
a tombos polas cañeiras.
Facíamos o labor
todas apuradas,
e a puntilleira
non no lo pagaba.
Mozos que vindes para dentro
non paredes na escaleira,
que vindes a visitar
a escola das panilleiras.
Mozos que vindes de fóra
non paredes na escaleira,
que vindes a visitar
a escola das panilleiras.
Panilleira, panilleira,
non te deixes levar;
que se hoxe estás cansada
mañán xa che cansarán.
Mozos que estades no alto
sentádevos se queredes,
que eiquí non vo la vexo
a moza que vos queredes.
Dende eiquí a Moreira
o que queira pasar lo tempo
que veña a escola das panilleiras
Cando pasei polo faro
mirei para Camariñas,
recordei a súa ría
a as palilleiras bonitas
Agora sí canto eu
con muito gusto e primor,
que temos ó noso lado
a toda a xente de honor
(Nuevo Mundo, 1914)
CANTO DE PALILLADA
(Eladio Rodríguez González)
Polo sol che mando contos
pola luna lunares
e o día do teu santo
che mando felicidades.
Polo sol che mando cartas
pola luna novedades
polas estrelas do ceo
a miña noiva
que non me engane.
Como queres que che queira
e que che teña cariño
si outros paxariños voan
dentro do meu capotiño.
Anda ti, bolo sen sal,
empanada sen mestura
como queres que che queira
si ti non tes fermosura
Agora sí canto eu
con muito gusto e primor,
que temos ó noso lado
a toda a xente de honor
(Mundo Nuevo, 1914)