8.6 C
Santa Comba
lunes, marzo 10, 2025

Programa de Entroido do concello da Laracha

O Concello celebrará o Entroido do 2 ao 5 de marzo cunha ampla programación municipal que inclúe propostas para todos os públicos, especialmente para o infantil e familiar.


Do mesmo xeito que en anteriores edición, o evento central será o tradicional Concurso de Disfraces do Martes de Entroido (4 de marzo, festivo local na Laracha). A inscrición estará aberta desde este martes (18 de febreiro) e ata a véspera do evento, é dicir, ata o luns 3 de marzo. Deberá formalizarse cubrindo o formulario que estará dispoñible na web alaracha.gal e nas redes sociais municipais, ou ben acudindo á Casa do Concello.

O concurso vai dirixido a todos os públicos e repartiranse máis de 3.000 euros en premios. Celebrarase na Praza do Concello (pavillón do IES en caso de condicións climatolóxicas adversas) a partir das 18:30 horas, no descanso da verbena que principiará ás 17:00 h e que estará amenizada pola Orquestra Capitol.


As categorías de premios establecidas son as seguintes:
• Individual infantil (ata 12 anos).
• Individual adulto (a partir de 13 anos).
• Parellas.
• Grupos (de 3 a 8 compoñentes).
• Comparsas (máis de oito compoñentes)

Nas categorías individuais as contías dos premios serán de 60, 50 e 40 euros para os tres primeiros clasificados. En parellas os premios ascenden a 70, 60 e 50 euros. Os grupos optarán a 250, 200 e 150 euros. Os premios para as comparsas ascenden a 600, 500 e 400 euros. Ademais, ata un máximo de dez comparsas non premiadas poderán obter a un accésit de 100 euros polo feito de participar.


Pero a programación municipal xa comezará o domingo 2 de marzo pola tarde (17:00 a 20:00 horas) coa Festa de Entroido no pavillón do IES Agra de Leborís. Durante a xornada os nenos poderán desfrutar xogando nos inchables e tamén coa presenza dun DJ infantil que proporá coreografías e bailes. Ademais, repartiranse larpeiradas entre todos os rapaces que acudan disfrazados.


Tamén haberá obradoiros de cociña infantil para que os nenos poidan aprender a elaborar filloas de Entroido. As dúas quendas do luns 3 de marzo (10:00 a 12:00 h e 12:00 a 14:00 h) van dirixidas ao alumnado de 5º e 6º de Educación Infantil e as do mércores 5 de marzo (no mesmo horario), ao de Educación Primaria. En todos os casos a inscrición ábrese este martes (18 de febreiro) ás 9:00 h e as prazas outorgaranse por orde de chegada.


Ademais, o público infantil e familiar poderá desfrutar de dous espectáculos en directo, ambos na Casa da Cultura da Laracha a partir das 17:30 h, con entrada libre e gratuíta e organizados en colaboración co programa Dinamiz-ARTj do Instituto Para la Transición Justa. O luns 3 de marzo Trécola Producións ofrecerá o seu show de teatro de monicreques titulado Tolitates. E o mércores 5, MeRe Clown chegará á Laracha con A verdadeira historia de Hamelín.

NOTA DE PRENSA DO CONCELLO DA LARACHA

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,100SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos