Este venres 22 de novembro representación de «As Alumnas» en Santa Comba- 21,30h (Auditorio do Multiusos)
“As Alumnas” naceu como unha encarga de Culturactiva Producións. Paula Carballeira xa traballara nun texto sobre a histórica folga na Fábrica de Tabacos da Coruña.
Querían unha historia sobre a muller no franquismo. Paula Carballeira iniciou a súa viaxe na Segunda República.
“Quixen falar da educación e as mulleres desde a Segunda República. E xurdiu a figura de María Barbeito, pero a través de dúas alumnas, porque así vivirían varias reformas educativas. Desde a Segunda República, á Guerra Civil, e á Posguerra, que sería tamén a época do franquismo”.
A figura de María Barbeito
Nunha entrevista no programa Na Encrucillada de Radio Xallas a actriz e contacontos referiuse á figura da mestra:
“María Barbeito foi unha muller que viaxou por Europa, que, de repente, se decatou de que había outra maneira de ensinar. Entón, empezou a facelo en Galicia, a intentar unha educación en igualdade, que todas as persoas tivesen a opción de estar escolarizadas”.
Todo cambiou coa chegada da Guerra Civil “e tamén a concepción que se tiña da muller na sociedade”. Barbeito foi depurada.
As Alumnas no teatro
E con Elvira e Rosa estrutúrase o argumento de ”As Alumnas”, como explicaba na emisora de Santa Comba: “A obra empeza no enterro de María Barbeito no 1970 na Coruña”.
A raíz dese reencontro as dúas alumnas “empezan a lembrar o que foron todos estes anos que non estiveron en contacto, despois das dúas amigas que eran cando se coñeceron, coa pedagoga como pano de fondo”.
O libro foi editado por Galaxia e levouse ao teatro nunha obra dirixida por Fin Calleja tendo como interpretes a Anabell Gago e Mónica Camaño.
Entrevista a Paula Carballeira- Desde o minuto 64
Foto portada- Paula Carballeira- Distrito Xermar