Aforo completo e “escaralle” total. Tiña razón Oswaldo Digón cando anunciaba en Radio Xallas que en Santa Comba ofrecerían “un espectáculo único e irrepetible”. O show “Coaches de choque” foi iso.
Non vendía fume Digón na emisora xalleira:“Somos coaches de choque porque a terapia que usamos usa a improvisación como motor das historias que sucederán no escenario”.
No programa Na Encrucillada engadía: “A través desas historias improvisadas, de comedia divertidísima, levamos a cabo unha terapia cunha parodia marabillosa, xa que hai moitos coaches que son moi bos pero tamén hai moito vendedor de fume”.
Comentaba que a obra “está gustando moitísimo”. Sorprendía ao sentarse no auditorio ver os dous humoristas con bolígrafos e papeis pedindo ao público que escribiran algo.
“Desde que entra o primeiro espectador, antes de que comece o espectáculo, xa estamos participando con eles, e despois seguimos interactuando co público” apuntaba o actor coruñés.
E vaia se houbo interacción. Os textos do público convertíanse na esencia do espectáculo e a mesma xente acababa falando, tocando o claxon ou cantando no escenario. Gargalladas a esgallo.
No hall do multiusos xalleiro, mentres Oswaldo Digón e Rafa Durán facíanse fotos coa xente, unha fervenza de satisfacción percorría o ambiente:“Son moi bos”, “que tanto me rin” ou “que pasada” eran os comentarios que se escoitaban.
“Coaches de choque”. Único, irrepetible e inolvidable.
P.D.) Oswaldo, cando volva a falar contigo na radio volverá a soar «La Mandanga» (El Fary)

