8.6 C
Santa Comba
sábado, febrero 14, 2026

Maniobras na escuridade e equilibrios de Paula Quintas no FIOT

O FIOT de Carballo conta cun ciclo na programación adicado a escena experimental, OTNI, onde o pasado venres foi programada Multiperspectivas, de Paula Quintas. Sen separación entre público e artistas, uns de pé e outros sobre a tarima, os participantes nesta misa escénica contemplaban as acrobacias no centro do salón do sobrado do pazo, nunha especie de tinglado-ring aberto que tamén serviu para pechar o acto coa entrada dos presentes a formar parte do remate da performance.

As acrobacias no solo e nas barras de Paula conformaron a parte central da obra, presentada por vez primeira e tamén a xeito de recollida de propostas para modificacións, como parte dun proceso, a revisar coa aportación dos espectadores. Así ao día seguinte os presentes estaban invitados a participar nun acto para comentar a súa experincia e aportar ideas. Contou Paula co apoio de Arturo Cobas na narrativa e de Antón Coucheiro na outra cara da experiencia, a de son e música.

Deixaron conta os actores de estarmos ante unha obra única, unha proposta novedosa e efémera, porque ningunha das seguintes representacións vai ser igual. Xogando así coa improvisación teatral, o circo, danza, a tecnoloxía e a performance nunha proposta que Paula entende como orixinal e nova que parte da nosa perspectiva como espectadores, deixando espazo para a interacción.

O público entra no espazo dunha instalación circense, a curta distancia da acción e sen definición do privado-público, o actor-público, nese ring-pista de circo aberta onde recibe unha serie de impresións e sorpresas que se inician cos espasmos da actriz-acróbata-mimo no chan levada polos impulsos caóticos e frenéticos da música-ruidos. Hai beleza e poesía nas expresións corpotais acareixadas ou feridas polo son e a música, tamén intres de violentos golpes de ruido e sorpresa, de convulsión orgánica. De humor colectivo e xogo.

Os seus traballoS destacan pola hibridación entre danza e circo e a estética do corpo en diálogo co movemento

A creadora, bailarina, coreógrafa e artista circense Paula Quintas anuncia que vai experimentar cos límites das artes escénicas para enfrontarse coa realidade do espazo que nos rodea: os límites entre o privado e o público, e o vivencial na arte.

Paula Quintas creou a súa compañía no 2017, aínda que segue a formar parte doutras compañías de danza e artes do movemento. Os seus traballoS destacan pola hibridación entre danza e circo e a estética do corpo en diálogo co movemento, xerando un compoñente visual e neste caso tamén cun pequeno aporte audiovisual e un vaivén en ondas de sons e músicas ora mainos ora estridentes.

O colofón leva a unha mistura de humor participativo e a sorpresa dos cables musicais onde os presentes aportan as súas mans para unha experiencia coreográfica de aires a exploracións tonais de dodecafonía e serialismo en manobras orquestais na escuridade ferida polos focos.

Neste senso a peza é un bo exemplo da súa idea creativa. Unha mostra que ten moito de experimento ou esbozo dunha serie de ideas non sempre engazadas e ainda por perfilar.

A impresión é a de investigar as reaccións dun público ao que se lle pide participación, nunha obra aberta, in progress, en presente continuo e evolutivo. Pero tamén inacabada, falta dalgún peso narrativo firme, dun guión ou tema onde o espectador se centre, mais que a invocación á conxunción das artes e a interrogación do comezo e fin dunha performance. Como a miña opinión e a miña idea artista é persoal e intransferible eu dotaría a proposta dun maior peso poético en apoio a extraordinaria faceta técnica da actriz, ese aire de divagación e de andamio de edificio en construcción, de algo posible, frea un pouco a forza da excelsa mímica e equilibrismo valente.

«Poesía do ruído, a dor e angustia, por suposto da lírica e a emoción»

Poesía do ruído, a dor e angustia, por suposto da lírica e a emoción. A aportación audiovisual é pouco clara, posiblemente polo lugar ubicado. Hoxe faise imprescindible nas propostas que pretenden rachar ou impactar; pero que deben ter a súa didáctica, colaborar na percepción, na mensaxe. A improvisación e narratio merece unha reglas novas e máis acordes co empaque da proposta da protagonista.

Paula dialoga con vellos rexistros dramáticos tan vellos como a comedia clásica. A danza, o mimo, incluso o teatro das sombras que para min xogaron un papel fundamental nese intre único e efémero vivido. Por suposto as táboas do circo que enchen de estética especial a oferta xunto aos latidos e convulsións da artista que a súa vez fai conmover ao receptivo auditorio, nun número acorde a unha correcta recepción-integración na performance-instalación.

Ter na escena galega unha traballadora como Paula é un luxo que deberiamos aproveitar para creacións mais fortes, centradas e potentes. A Carballo trouxeron o que pretende o ciclo OTNI, unha experimentación que pode deixar algo distantes ou confusos aos dun programa de sala pero entendo que os que veñen ao OTNI saben ao que veñen, e na comedia xa se viu de todo. En Carballo e máis alá. Tras todas as algaradas do século pasado, non é ningunha novidade o xogo multidisciplinar nas artes escénicas. Un que viviu a Documenta de Kassel previa a caida do muro de Berlín, que viu ensaiar a Alicia Alonso no vello Centro Galego de La Habana e gozou de tantas experiencias circenses, un que sempre admirou aos mestres franceses do mimo (Deburau, Marceau) tamen está de volta de todo.

FOTO PORTADA- VANE RÁBADE

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!


Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,250SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos