O concello de Zas acolle un ano máis a Festa da Carballeira o 9 e 10 de agosto cun completo cartel de actividades.
O venres na Carballeira de Velar, desde as 22:00h, teremos un concerto moi potente co carismático cantante dos Heredeiros da Crus, Javi Maneiro, que segue presentando o seu novo disco “Un bonito despertar”.
Tamén estará Amparanoia coa súa “Fan Fan Fanfarria” e todos os seus clásicos. E o rap galego Rebeliom do Inframundo.
Despois deste prato forte chegará o sábado 10 de agosto, cunha ampla oferta musical, cultural e gastronómica.
COMPRAR ENTRADAS FESTA DA CARBALLEIRA 2024
Un mediodía e unha sesión vermú (desde as 12,00h) coa actuación de A Gramola Gominola, Guadi Galego e Fanfarria Taquikardia. Haberá unha mexillonada popular(13,00), Feira de Artesanía, xogos, inchables, obradoiros.
A partir das 18,00h celebrarase unha Foliada coa actuación de Churía, Os Petadores, Brincadeira, Pandereteiros O Fiadeiro, Pandereteiras e Xacarandaina.
A partir das 20:30h será a quenda de De Ninghures, e pola noite desde as 22,00h, chegarán Os do Fondo da Barra, que teñen no seu repertorio temas recollidos na zona (grazas o traballo de Quique Peón) e unha das grandes atraccións, unha formación alemá que toca folk-punk irlandés e que goza de gran prestixio mundial, The O´Reillys and The Paddyhats. Completan o cartel do evento o artista galego Mondra e o grupo Storrentos.
A organización da Festa da Carballeira habilitou dúas zonas de acampada, para tendas e caravanas, acondicionadas con duchas e WC. Estamos diante dunha cita veterana, que atrae ao concello de Zas a persoas de distintos lugares e que conta coa declaración de Festa de Interesa Turístico de Galicia.
A asociación Castro Meda e o concello de Zas contan co apoio de Estrella Galicia, ABANCA, a Xunta de Galicia e a Deputación coruñesa.
Fidel Otero falou da Festa da Carballeira 2024 e contou todos os detalles nunha entrevista no programa Na Encrucillada de Radio Xallas-