Xosé Camaño Andrade dálle vida a palabras que se usan cada vez menos, recupera historias, e esparexa sentimentos no papel desde fai décadas.
Un amigo abriulle a fiestra do mundo tecnolóxico e agora comparte as súas creacións desde o Facebook. E acaba de publicar un libro titulado “Eu, tal como son”, que se vai presentar o vindeiro venres 5 de xullo na Librería Ler de Santa Comba (20:30h).
“Eu non un poeta, son un letrista afeccionado á historia” deixa claro Pepe que reivindica a poesía coma un instrumento para “emocionar”.
Décadas escribindo para non esquecer
Este “pasatempo” resultou ser unha sorpresa para este xalleiro, sorprendido pola repercusión dos seus textos:”Estes días vivo nunha nube, non esperaba esta acollida”.
Caamaño Andrade é un emigrante que estivo só en Suíza “e escribir era un xeito de conservar a nosa fala e non esquecer sentimentos porque antes a conexión era por cartas”.
“Eu, tal como son” conta co apoio escrito de Marieta Barral, Chus Veiga e Xosé Alvite, unha portada que recrea un cadro incompleto da súa filla Nuria e unha fotografía de Teresa Castro. Para eles ten agradecementos, e para Laura Suárez “por sempre crer en min”.
Entrevista en Radio Xallas desde o minuto 63
Intimidade desde a esencia da terra
O amigo Pepe comparte uns poemas intimistas e populares. Nacen do seu corazón e están conectados á terra. Están bañados na nosa retranca. Tanto lle canta a “Lúa Xalleira” como o “Circo político”.
“Non son fachendoso, pero son sincero, coma a fror do toxo, de espiñas cuberto” escribe Pepe en “Chorima”, o texto que escolleu para ler en Radio Xallas.
O Nadal, as costumes da aldea, a morriña, ou o amor están presentes no volume.Entre muíños, carros de vacas, paporrubios e sentimentos fondos vai construíndo o seu mundo que latexa neste libro.