Carme Toba Trillo presentou o seu libro «A cultura do mel na Costa da Morte», publicado por Saga, na noite do martes na Casa da Cultura de Vimianzo. Acompañada por Rafael Quintiá, presidente da Saga, e a secretaria, Ana Durán; Carlos E. Fernández, presidente de Apatrigal; e a alcaldesa local, Mónica Rodríguez.
Presentación libro Carme Toba en Vimianzo
A rexedora mostrouse agradecida á autora por escoller Vimianzo para esta estrea e polo seu traballo, ademais de dar as grazas aos presentes que encheron o aforo da sala inferior do centro.
Recordou como coñeceu a autora fai catro anos cando lle entregou un premio municipal dun concurso de relatos e que seguiu o seu traballo de campo xunto a colaboradores como Manuel Oanes «recorrendo moitos kilómetros polos montes de Vimianzo».
Recoñeceu que as administracións teñen agora a «responsabilidade de manter viva esta riqueza, dar a coñecer, manter e fomentar o traballo de moita xente como Carme». «Aparte deste libro, deste tesouro», según a alcaldesa, a autora «descobre unha parte enorme de patrimonio etnógrafico» que non era coñecido. Destacou o «labor, traballo, esforzo, tesón» da autora e a súa axuda para «organizar rutas polas alvarizas».
Carlos E. Fernández tamen fixo referencia ao «tesón e ao traballo incansable» da autora a fixo unha chamada «as administracións para protexer, manter e conservar para as xeracións futuras sin que sexa un peso para os propietarios» este patrimonio descuberto.
Rafael Quintiá destacou que o libro ten un «valor documental, como catálogo patrimonial, saca a luz un patrimonio en gran medida esquecido e desvalorizado».

O traballo de Carme Toba
Carme Toba fixo un esbozo do seu labor descubrindo centos de albarizas e cortizos pateando montes e buscando datos. Como empezou co traballo de investigación da toponimia na procura dos lugares onde houbo albarizas, escoitando a moitos informantes, «andando coa xente das aldeas que me ian dando datos, contando cousas; localizando restos de alvarizas, comprobando que moitas as desfixeron, outras encontrámolas».
Tamén tratando sobre o mundo dos lagares e dos cereiros, desaparecido a mediados do século pasado, e xuntando historias de cereiros e abelleiros, recuperando toda a súa cultura inmaterial. Entre as curiosidades, comprobou que no mundo «das lacenas de mel nas terras de vimianzo e dumbría curiosamente teñen un modelo semellante aos que se encontran en irlanda, gales e sur de inglaterra». O que fala de lonxanas filiacións culturais.
Recoñeceu a axuda dos veciños e dos apicultores da zona, a quen chama «a miña xente», medio cento de nomes cos seus apodos; ou de expertos como o biólogo Martiño Nocellas e o investigador Rafael Lema, quen na súa obra «Costa da Morte, crónica marítima» (Galp 3) tiña recollido e transcrito cen parroquias do Catastro de Ensenada, en moitas delas coa mención das albarizas do século XVIII, ou os datos dos pagos en cera e mel aos mosteiros da zona; entre outros artículos publicados neste xornal e mencionados no libro como «Lacenas e alvarizas: a importancia do mel na Costa da Morte».


