Nace a Asociación Pro Fundación Manoel Vello para defender o dereito de poder “vivir en galego”
Rexistrouse na Xunta de Galicia a Asociación Pro Fundación Manoel Vello, entidade creada para impulsar a posta en marcha de proxectos destinados a promover e fomentar o uso do galego en todos os ámbitos da sociedade.
A data do rexistro coincide co aniversario de Manoel Vello, decidido activista que dedicou toda a súa vida a fomentar o uso do idioma do país. A súa teima foi sempre “poder exercer o seu dereito a vivir en galego”, para o que colaborou con diferentes entidades de diferente índole, sociais, educativas e comerciais, ata o día do seu falecemento o pasado 17 de decembro de 2022.
Ademais da elaboración de iniciativas de promoción do uso da lingua, a asociación ten como finalidade impulsar a creación dunha fundación co mesmo nome, coa finalidade de poder levar a cabo proxectos de maior alcance e chegar alí onde a administración e as restantes entidades de promoción da lingua non están presentes.
A partir de agora calquera persoa pode facerse socia e colaborar tanto na elaboración e posta en marcha de proxectos, como na difusión das súas actividades. Xunto con facebook, instagram e twitter, a asociación está presente na rede na web https://www.manoelvello.gal/.
Tamén están convidadas todas de entidades do país a xuntar esforzos coa asociación no deseño de proxectos destinados ao fomento do uso do galego no lecer, na empresa ou administración, e en todas as franxas de idade.
Fonte- ASOCIACIÓN PRO FUNDACIÓN MANOEL VELLO