Un serán de poesía e música era o anunciado no Hotel Bela Fisterra. E foi o que tivemos como acredita o directo en Facebook realizado polo amigo Víctor Hugo.
Versións de clásicos do rock a cargo do grupo Distrito 10, envoltos en poemas salgados. Sempre defendín ese matrimonio poesía-rock and roll. E vaia se funciona.
Os poemas viñeron por boca do profesor Antonio de Toro, que recitou textos de escritores irlandeses como Seamus Heany, Bernard O’Donoghue ou Lorna Shaughnessy que aparecen na escolma “Fisterra Atlánticas” (Editorial Medulia).
E tamén estaban alí poetas galegos que participaron no libro e recitaron versos, entre canción e canción, como Suso de Toro, Chisco Fernández Naval, Xosé Iglesias, Alexandre Nerium, Modesto Fraga máis un servidor.
Co pano de fondo da Langosteira co mar e o Monte Pindo, degustábanse os versos como grolos dun viño único. Unha velada estupenda comandada por Pepe Formoso, nun Hotel que ten o mérito de apostar pola poesía, a literatura e a música como parte do seu ADN. Sigamos sementando versos.
E cos sentidos ben nutridos, non faltou un grolo de albariño e un pincho de tortilla e empanada para o faladoiro posterior.