Cumpríronse trinta anos do falecemento do lembrado Carlos Díaz “O´Xestal” e deron comezo os actos na súa memoria. A corporación local do concello de Carballo designou este 2023 como “Ano do Xestal”.
Tres décadas despois no cemiterio de Razo onde foi despedido volvíase a honrar a súa memoria. Soou a música da banda municipal de gaitas de Carballo e houbo unha ofrenda floral e intervencións.
O polifacético Xurxo Souto adicoulle unhas fermosas verbas:”O Xestal era moito máis ca un humorista, era un sabio maior na cultura galega que expresaba todo o seu talento con humor”.
“Abenzoado o pobo que sabe honrar ós seus artistas. Carballo nunca se esqueceu do Xestal” manifestou Souto.
Tamén falou o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que destacou que “Carlos O Xestal permanece con nós, era un exemplo de compromiso, amistade, cariño e desinterese absoluto”.
Tamén tivo lugar na igrexa parroquial San Xoán Bautista de Carballo unha misa, cantada polo Coro Aires de Bergantiños. Cantouse o “Apaga o candil” e o párroco José García Gondar convidou a recuperar o espírito alegre do artista.
Foi o inicio dun calendario de actos que se prolongarán durante este ano.
fotos- Facebook concello de Carballo