María Xosé Silvar “SÉS” lanzará o seu oitavo disco o vindeiro 25 de novembro. Levará por título “Diante un Eco”.
“Apetéceme estar rodeada de música fresca e alegre, pero non podo evitar ser lúcida á hora de pintar a realidade e a deriva socio-política que estamos a vivir”, explica SÉS unhas semanas antes lo lanzamento de Diante un Eco.
E engade: “É o eco -engade- dun pasado tráxico, da volta aos totalitarismos, da lousa dunha profunda e crecente desigualdade social, dos retrocesos en igualdade de xénero”.
Acompañada de toda a súa banda, volverá pisar as táboas dos principais escenarios de Galicia, España e Latinoamérica para presentar ao vivo este novo disco, que sairá a luz o día 25 de novembro.
Concertos de SÉS
No seu inicial percorrido por Galicia, están programados concertos en A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Vigo e Narón os días 10 e 17 de decembro, 14, 21 e 28 de xaneiro e 3 de febreiro, respectivamente.
Os espazos elixidos son o Pazo da Ópera (A Coruña), o Auditorio de Galicia (Santiago), Sala Trebas (Lugo), Auditorio Municipal de Ourense, Auditorio AFundación (Vigo), e Auditorio de Narón. A continuación, iniciará unha xira polo resto do país con paradas xa programadas en Ponferrada e Madrid.
Cúmprense once anos do seu primeiro traballo discrográfico e segundo a oficina de prensa da creadora estamos diante dun “ traballo máis alegre e fresco que os anteriores e igual de fiel ao seu estilo: unha mestura coas doses exactas de rock and roll, tradición oral galega e certa cadencia de canción de autor latinoamericana con actitude punk, reivindicación e manexo escénico”.