2.4 C
Santa Comba
viernes, diciembre 13, 2024

Historias de mareantes

Continuamos coa publicación do libro “Capitán Araña” de Rafael Lema.


Enlaces para quen queira acceder o capítulo anterior ou comezar a lectura desde o principio


EPISODIO I
EPISODIO VI

barcos

HISTORIAS DE MAREANTES – CAPÍTULO VII

Aquel agardado capitán corsario, aquel navegante serio e firme coma un trinquete nada máis pisar terra, a patria á que volvía tras anos de non vela, nada máis botar o pé converteuse no máis aclamado dos participantes do faladoiro de Pardiñas, no mellor bailador das palilladas da campá de Porto e no primeiro tafur das timbas das tabernas da vila.

 Aínda que non fumaba nin bebía, cousa imposible entre o sangue dos mariñeiros.
Ninguén o molestou o primeiro día eo seguinte convidárono a cear na casa dos Mazaeda, onde contou que tiña pensado saír na procura de Arripai porque estaba escrito que un dos dous sobraba no mundo. O tempo de tres anos de espera tiña por fin o regalo dun sopro de esperanza. E estando os señores a tomar o chocolate, o amo Suárez chamoume e presentoume o capitán Pardiñas. Presidía a mesa, como non, xa sen viseira escura nin gabán. Mandoume sentar.

 O amo, o Gavián, o señor Mazaeda, o rexedor e o crego compartían mantel servidos polas fillas da casa vestidas coas mellores galas, traxes claros de fermosos encaixes. Alí falouse do establecemento comercial en Veracruz, dos contactos coa Habana e Florida , tamén da puxanza na nova nación americana. En ningún momento falou de ataques a factorías e vilas, de combates navais, de pillaxes e acción corsarias, relatos que gardaba para o compadreo nas pousadas á beira dos seus íntimos coma o meu amo, con quen se criara de pequeno nas rúas da vila.

O capitán nunca se desprendía do can. Era a sombra do corsario, e comenzoume a coller cariño desde o primeiro día. Mentres os nosos amos trouleaban nas pousadas con viño e mulleres, nós enredábamos na porta con paus e pelotas. E foi na do Gavián onde o mariño relatou experiencias da vida do mar,onde falaba de que os tempos novos eran máis de comercio, que se podía facer bo trato cas nacións se houbese máis paz, máis tratados e menos guerras estúpidas. Onde el estaba, onde botaba o rizón, por suposto nunca faltaban viandas, nin música. Barco sen lastre non navega.

Así dixo que un tal Indio Juan, bo cliente e amigo do seu tío e do seu pai, próspero comerciante mestizo de chacta e español da Florida, animado ao comercio nas novas terras da Luisana quería ir polo río Misisipí arriba ata onde o mundo enteita. E este indio mandaba recordos para o meu pobre pai, co que loitara man con man ao servizo de España, pola súa grandez. Malamente recompensada foi a loita.

Cada nome de fóra, cada abrazo dun mariñeiro, cada aventura nova, era un puño de salitre que encabritaba o meu corazón coas ansias de viaxar, coas ganas da gloria dun combate. Un día víame botándolle a man polo lombo a aqueles homes rexos, falándolles de igual a igual; outro día tiña vergoña e víame pouca cousa para presentarme diante do capitán ou do oficial a pedirlle un posto. Mais o amo Ricardo ou o Gavián tiñan que botarme unha man na encomenda. A mérica agardaba cargada de tesouros.


E foi pola festa do San Cristovo de Carnés cando tiven a ocasión de espetarlle ao amigo Gavián o meu desexo de converterme en navegante. Ao principio faloume da mala vida da xente do mar e dos perigos daquel xeito de vivir , de que non era o mellor oficio para un rapaz coma min entrar nun barco de ultramar. 

Maldicía tamén por contarme tantas historias de mareantes, por encherme os ollos e os miolos coa paixón pola aventura e polos novos mundos. Vía eu que me quería coma un irmán, que me desconsellaba esa vocación de mariño e sobre todo as ganas de entrar ao servizo dun buque armado ao corso nunha época de bloqueo naval e ruina do comercio coas colonias, cando o novo século XIX comenzaba a súa andaina cheo de incertezas, coa pólvora bruando na terra e no mar. 

Falaba el da miseria e dureza dos días e das horas do mariño, dos camarotes coas claraboias para que non entrasen ondas grandes, de como ás veces entraba auga polas grellas do cuarto ata altura do catre, de como se escora un barco ante un golpe de mar mentres os tripulantes manteñen precariamente o equilibrio nun alcázar enchoupado, de como chimpara barrís e caixas desde un castelo de popa para salvar a vida dun home varrido por unha tormenta e logo desaparecido no océano. Contaba historias da crueldade do mar e dos piratas, das fragatas de cuarenta canóns e as corvetas de vinte, dos convois británicos que soñereaban de Calais ata Santa Helena.

 Tamén de tripulacións perdidas en selvas africanas, de mulleres e nenos acosados polas feras e as tribos salvaxes; dos queches de recrutamento da Armada que pululaban na entrada dos portos e no Atlántico para coller os mellores homes da mariña mercante para o servizo das armas.

Mais el vía miña cara e, entendendo o vello soldado que a miña resolución era firme e o amor polo mar me cegara pola forza dun ciclón, desistiu de seguir desanimándome.
-Ademais-díxenlle- tamén ti un día aos meus anos abrazaches a carreira das armas na procura da fortuna, fuxindo do duro traballo da terra, da miseria do mar. Cando un corazón é novo leva dentro de un temporal cego, unha ilusión imposible de halar, de dominar.Vós tedes a culpa de encherme a cabeza de contos de mareantes. As historias non serán do peirao e os santos dos libros véñenme comendo as horas de sono desde que vin vivir á vila. 

Eu tamén quero ser coma vós, coma ti, coma o amo Ricardo, coma o capitán. Quero ver o mundo que abrasou a Ulises e quero descubrir as terras do Rei Salomón coma Sarmiento. E quero chegar a dicir, tal coma o cabaleiro Don Quixote, aquilo de que se a pólvora e o estaño me han quitar a ocasión de facerme famoso e coñecido polo valor do meu brazo e os fíos da miña espada, por todo o descuberto da Terra, faga o Ceo o que fose servido, que tanto serei máis estimado. 

Vendo o Gavián a miña firmeza a pesar dos meus poucos anos, agarroume as mans entre as súas e díxome que falaría co capitán para que tan axiña como o barco saíse a unha nova singradura me acollese de axudante da cociña ou de grumete. Recomendaríame ao seu amigo da nenez que con certeza me acollería na súa compaña por ser fillo de quen era e como enviado del.

Eu díxenlle que no meu corazón e nos meus ollos ademais da fame de fortuna e de aventura estaban as imaxes do noso casal patricio desfeito polos asesinos de Arripai e a cara branca e limpa da súa irmá desaparecida. O mundo non era tan grande como para frear a ilusión e a fatiga do home que sempre procura algo novo e vai preso dos recordos vellos.

E dun andel da casa do crego collín un libro cunha estampa de barcos coas velas infladas, navegando polo mar da China. Un libro que lles amosei o Gavián e ao capitán o día que selamos o trato para o embarque no patín na casa Pardiñas. Esa maña tan agardada por min, Araña escoitaba con atención e asombro os meus relatos sobre a vida de ilustres mariños da nación que eu sabía de memoria logo de tantas mañás de estudo co vello
Don Gregorio, que me ensinou a ler, ou co bo crego da vila. 

De como Diego García saíu do porto de Fisterra camiño do Brasil, das campañas do almirante Mourelle  polas indómitas terras de Alaska e Filipinas, ou das bravuras de Sarmiento de Gamboa enfrontándose a Drake ata o faro da fin do mundo. Tamén, como non, das travesías do capitán Araña que todos os nenos en todas as prazas da Costa da Morte aprendíamos.

-Rapaz- dixo o capitán apertándome a man dereita-, sei que levo no meu barco un bo mariñeiro e un futuro gran mareante.
sabadelle
Litoral de Sabadelle en el ayuntamiento de Vimianzo

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,320SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos