19.1 C
Santa Comba
jueves, marzo 21, 2024

«As letras do Capitán»(V)

Quinto capítulo de «Capitán Araña». Ler episodio anterior aquí

Levei conmigo as cartas do capitán nun portafol que me deu o señor Pardiñas e lin nelas todo santo mes coma a mellor das novelas. Nos tres meses anteriores á chegada do mariño lendario pasaron aínda unas cantas cousas que contar.


Había na mesma praciña onde vivía o meu amo, no alto dun pequeño Outeiro, unha taberna chamada a Solaina, na que os días de feira era grande a animación. O cheiro dos callos e do polvo atraía os siareiros, os carreteiros da terra do Xallas, montañeses e xente da costa, sobre todo os que andaban nas traiñas do cerco e os donos dos pataches que levaban o peixe salgado vender a San Sebastián e tornaban logo con ferro como pagamento.

O patrón máis eu acudíamos despois da misa as ás rexas mesas da fonda feira e compartíamos viandas co Gavián, que viña vender e mercar. Por el mandáballe á miña nai fío e palillos ou palillas para almofada, porque a sua magoada vista aínda daba conta de bos xogos de labor.


E nunha tarde de feira chegou ao peirao un deses barcos pequenos de velas latinas que chamaban lugres. O seu patrón, mal barbado e con longas guedellas mouras, atendía polo nome de Kleper e, desde que desembarcou, non parou un día de troulear de romaría en romaría, de palillada en palillada, de brincadeira en brincadeira.


O amo e o Gavián acompañabano en moitas ocasión, a alguna troula tamén me tocou ir a min. Nunca lles faltaban mozas de bo ver e viño os tres.


No lugre de Kleper fixen o meu bautismo de mar, de cabotaxe ata Vigo, na procura de augardente, viño e pasas. Enchinme de cheiro de mar, salitre e breu, de ver velames e mascaróns. E de escoitar as cantareas daquel fillo do demo que tocaba a guitarra coma os anxos. E nunha taberna daquel porto coñecín a Esmeralda, a primeira muller que vin espida, no cuarto compartido co navegante, aquel fillo do demo amante das mociñas e da baralla. E pasamos a noite xuntos a tombos os dous coa febre do ardor do cego que quere ver.


Tamén ocorreu que ao amo Ricardo o feriron bandoleiros da partida do Pesco no lugar de Paizás, camiño dunha feira da montaña. Eran malos tempos para os camiños, cheos de xente de mal vivir. Retornado o mariño estranxeiro da singradura a Vigo acompañou o meu amo e a outros dous. Non me dixeron nada, pero ían armados, o amo ca pistola longa de chispa e os outros con pistolas pequenas de arzón o cinto e un fusil, polo que supuxen que aquello tiña as trazas dunha batida de limpeza dos montes que circudaban a vila e a fechaban coma unha cunquiña esmeralda.


Nada preguntei. Calei na despedida e tamén cando tornaron no medio dunha fría noite de temporal.


Logo nunha conversa entre o Mestre Espín e Mazaeda saquei a conclusión de que emboscaran ao Pesco mais que se lle escapara. A picardía atacou a dilixencia pero dentro ían os amigos do amo e no tiroteo morreron dous pillos. Unha partida do conde de Altamira collera outro ferido nunha cabana de cabreiros uns días despois.


Antes de marchar Kleper, o navegante solitario, ao norte serviunos de interprede cun barco holandés ancorado no esteiro da ría por mor do temporal. Tiñan novas do capitán Araña ao que viran no golfo de México collendo os ventos cara a nosa terra.


Das letras do capitán e das novas dos navegantes fun facendo un caderno donde copiaba os meus apuntamentos na procura do camiño seguido polas súas aventuras polos mundos. Un mapa das Indias, regalo do crego, axudoume a escribir e a soñar pronunciando os nomes daqueles lugares afastados e estraños.


Por un incidente no porto de Bristol, Arripai era ahora un prófugo da xustiza do rei de Inglaterra, e como Francia e España tiñan tratado de paz, o asasino non tiña moito tempo para o acougo. Mais nunca falta unha cova para o lobo e el atopouna na recentemente creada nación americana. A súa última base coñecida, Norfolk.


Mil dólares costaralle a Aurora, a nova goleta, ao capitán Araña. E tanta sorte tivo con ela que polos pelos se lle escapou o Demo Negro de Arripai. Este atacara a cidade de Arica, mais recibírano con intenso fogo de batería, sufrindo un colosal desastre. Pouco antes abandonara este porto o capitán e alarmado polos bombardeos deu volta para apremar como un can de presa ao tocado navío do infiel. Só un milagre o salvou da pólvora española. No fondo dos mares tivo que agocharse.


Seguían contando as notas que Arripai estivera a tiro do buque español San Fernando. O bucaneiro levaba as sentinas cargadas de negros polo que a fragata española por non facer matanza de seres humanos ou por non deixar as nosas colonias sen man de obra, pois a Cuba ían, non lle disparou persiguíndoo ata a costa. Unha espesa borraxeira que se cortaba cunha adarga protexeuno e perdeuse de vista.

sabadelle
Litoral de Sabadelle en el ayuntamiento de Vimianzo

O veleiro do pirata cheiraba a varias millas coa infame carga que lle compraban comerciantes de Ferrol ou da Coruña para as illas caribeñas. Por iso o máldito, comezando unha nova amizade co bispo de Haití, encheu de mans escravas aqueles portos. Negros que traía de Angola por seres máis baratos aínda que de inferior valía cos coromantos, que habitaban o Congo. ( Eu sabía ben por oídas que neste comercio de negros non eran alleos tampoco os de Porto e Camariñas pois ata falaban que a casa Pardiñas negociara co Brasil no comercio de escravos, noutros tempos, e fora ben premiada polo rei de Portugal).


Os ingleses contábanlle ao capitán que Arripai atravesara o Atlántico fuxindo deles e logo fóra perseguido por barcos de Saint Maló de setenta e cinco canóns sen eles saber o resultado de loita tan desigual.


Nada máis de interese descubrín nas novas que o capitán lle mandara ao seu pai, só que nunha viaxe ao sitio onde perdera La Constancia de Galicia poideron sacar arriba batería, motonería de respecto, armas brancas, unha áncora de leva e un rizón.


Os días comenzaron a facerse cada vez máis longos e as noites eternas agardando o retorno do meu capitán. Apuntaba cada xornada caída coma a fin dunha sigradura no libro de navegación. E soñaba con América, con indios de cara pintada, e as bandeiras escuras do pirata arrastradas pola lama dos pantanos da Florida.


O amo Ricardo tamén foi home de mar e estivo na Armada loitando en bravos combates.
Nunha ocasión fixera unha viaxe ás costas portuguesas e a África co capitán Araña e tamén co tal Kleper. Daquela tiñan cadanseu barco, pequenos, mal armados aínda que ben manobreiros e rápidos. Contaba el nunha ocasión no noso almacén:


-Eu ía con Pardiñas nun barquiño pobremente armado cando nos atacou unha fragata británica, un deses barcos fachendosos cheos de canóns e de velas que cruzan co señorío de baleas os mares do orbe. Saímos dunha illa oculta esquivando o costado do forte navío inglés para burlar o fogo das súas baterías. A fragata, vendo a nosa pobre posición, non temeu unha abordaxe, con tan pouca tripulación e tan pequeno oponente, mais a cara sosa e branca coma o leite dos figos do almirantiño inglés tornou coma unha nabiza cando o barco de Kleper con oito canóns por barda, a metade moi vellos, lle cortou o paso. Entre os dous, evitando os canóns con rápida acción entramos contra o buque e asaltamos a súa cuberta enchéndonos de sangue ata as orellas. Aquilo era unha sega de mans e corpos, xente berrando con dúas machetas nas mans , de piratas sen ollos, co peito encoirado, con garfos de abordar e espadas anchas ou falcatas curvas. Poucos ingleses viviron pa contalo. Aínda que a presa, un mes despois, no la sacaron para o servizo real, confiscada polo Estado. E Kleper perdera noutra acción o seu navío. Isto, xunto a unas malas febres, fixo que mudara a súa vida polo comercio. E as mulleres.


Eu apuntaba todo nunc aderno grande que me dera o crego. Tanto ese relato do amo coma canto oía daqueles homes, do Gavián, do rexedor, dos mariñeiros do Gremio do Mar, dos tratantes de sardiña, de viño ou de sal, dos buldeiros, do sarxento maior do Estado, de clérigos, de feirantes e patróns do corso que entraban na taberna, no estanco, no noso almacén o una Pousada do Corvo. Relatos de milicianos ou de xente embarcada que ía o reino de Cádiz e á Coruña. Así coñecía eu, coma se alí mesmo nacera, as costas onde meu pai pelexara defendendo a Luisana e Florida contra os casacas vermellas e fixen tantas veces viaxes sen saír da casa a Veracruz, ao Callao e incluso a Macao ou a Bombai nun barco do comercio do te da Compañía das Indias Orientais.

Recreación de Ambrosio Álvarez "Capitán Araña"


E coa noite pechada en toda a ría, no meu catre o anxo coas súas mans de cera baixábame as pálpebras achegándome axiña o mapa dos centos de illas de barreira que ao garete por capricho do mar e da área bordeaban o outro continente desde Cayo Largo a Hatteras coma golfiños ao sol, lúas grises riladas polo sal, palmas aventadas, doas de rosario.

Antes de que o día chegase atravesando as contras con fíos de luz morna, de leite e rosa, antes de que o resío da maña e da auga me limpara os soños, aínda tiña tempo, esquecido do cansazo do traballo da xornada e das miserias da vida no meu pequeno catre de criado, para soñar con ser un viaxeiro de gabán verde e botóns dourados ocupando un cubículo nun camarote grande e invitado a xantar no comedor do panol cun capitán por salvar o barco dos piratas.

Outras veces eran pesadelos e pasaba a viaxe a tombos na cuberta inferior incapaz de manterme de pé co cheiro do barco pegado os fociños e a cabeza e o estómago revoltos co mareo. Ou servía de novato de tributo ante un mariñeiro vestido de Neptuno con guedellas e estropallo por pasar por vez primeira o Ecuador. Ou, o que é peor, náufrago nunha selva perdida das Antillas xunto a un puñado de compañeiros cheo de fame, piollos e farraposatravesando montes sen congostras, vadeando ríos bravos, acosado por serpes enormes, caimáns, bestas descoñecidas e feroces salvaxes facendo matanza de cristiáns con tirabalas e frechas velenosas.


Ás veces o amo espertábame con sobresalto no medio do tormento sen chegar aínda a un porto real ou a unha misión dos xesuítas; ás veces todo remataba ben e repartía un botín cos meus compañeiros do corso ou desfacía barcos ingleses ou franceses en batalla naval librando á Coroa de fragatas inimigas.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos