O vindeiro sábado o campo municipal do Conco, no concello de Dumbría acollerá o I Festival Vákner coa participación de artistas recoñecidos como Luar na Lubre, Ismael Serrano, Víctor Manuel, ou Carlos Goñi (Revólver), acompañados polos gaiteiros de Buxantes e a intérprete local Alexandra Suárez.
O fundador e músico de Luar na Lubre, Bieito Romero, falou en Radio Xallas “dun concerto memorable cun cartel para lembrar” e que aínda ten gardada algunha sorpresa.
Escoita a entrevista desde o minuto 62
Precisamente o monstro que percorre os montes de Dumbría e da comarca xa está presente no último disco de Luar na Lubre. Romero lembrou a viaxe de Martiros, o Bispo armenio que deixou pegada escrita deste ser:
“Aí está toda a cuestión misteriosa do que hai detrás. O Vákner é unha temática moi interesante que pódese converter en algo moi potente”.
E este concerto “é un eslavón que coloca ó Vákner no mapa e incita a recuperar a historia de Martiros”. O músico non oculta que “desde que coñecín a historia do Vákner pareceume fascinante, por que ademais é unha historial que está recollida”.
Agora ese ser misterioso, especie de lobishome “que forma parte do noso acervo cultural” e por iniciativa do concello de Dumbría terá o seu concerto e tamén unha escultura, realizada por Cándido Pazos e que xa se pode ver no Marco do Couto, no Camiño de Fisterra-Muxía.
Tamén destaca a repercusión que está acadando alén do Padornelo:”Fora de Galicia alucinan co Vákner, ten moito impacto”.