16.2 C
Santa Comba
sábado, septiembre 28, 2024

«A morte do Capitán Araña»(cuarto Capítulo)

Cuarto capítulo de «Capitán Araña» de Rafael Lema. Capítulo anterior «A ARCA»l

A voz correu pola feira coma o nordés polos longos areais:


-O capitá Araña morreu no Caribe.


O capitán Araña. O capitán Araña. Sentira ese nome desde o berce. O fillo dp rexedor Pardiñas, con bergantín armado e patente de corso real. ¿Cantos anos levaba polo mar adiante? ¿Cantos sen novas del? A sabia de Baiñas, á que acudíamos pa saber en que parte do mundo está un ser querido, ela mesma dixo que Arripai se estaba velando porque a sombra dunha araña lle estragara un ollo. A sabia con dúas comadres fixo un esconxuro nunha encrucillada de camiños. Unha roda de cinza, cera ardendo e augardente. Vían mar, logo unha chaira e casas pobres. Vían un home teso na ponte dun barco cun lobo ouveando no medio do mar. O capitán Araña, o fillo do boticario. Araña, Araña.

sabadelle
Litoral de Sabadelle


Un cego pregoaba a historia pola feira e o meu amo botoulle a xerra diante dos ollos. O bergantín do capitán. O valente fidalgo Don Ambrosio Álvarez Pardiñas do gremio dos mareantes da vila de Porto, das terras de Altamira, fora abordado polo Intrépido, o temible navío de Arripai, preto de Guayaquil. Nada se sabía do ilustre mariño nin da tripulación, toda xente do país, mariñeiros de camariñas, os mellores do mundo sen desprezo dos portugueses.

O vello Pardiñas confirmou días despois a nova por un correo. Todos tiñan a certeza da morte do seu fillo menos el. O meu amo levoume na súa compaña á casa do boticario. Diante do chocolate o rexedor mostrounos unha caixa de trebellos raros de navegar ou de fitar as estrellas. Tamén un feixe de cartas. Eran do fillo.


Falaban de loitas no mar aberto e de defensas ou ataques a prazas de Indias. Do comercio por Veracruz e na Florida.

Recreación de Ambrosio Álvarez Pardiñas


Nun ano aínda nos fixemos co froito de tres barcos ingleses caídos no mar de Reira. Por iso o meu amo máis eu frecuentabamos a Pousada do Corvo. O Gavián, ademáis dun amigo, era un irmán de mirada viva e franca. Amosoume o segredo do sabre e o meu amo o manexo das armas de fogo, así que no me facía falta ser soldado do Terzo para loitar contra a caterva de fillos do demo dosbucaneiros.

O Gavián espadeaba coa destra e na outra man levaba unha daga italiana, era rápido coma o raio, estricábase tal unha serpe, paraba coma un touro, atacaba con adornos impropios de quen levaba tempo sen loitar na nova vida de pousadeiroe labrego das terras patricias. A meiga muiñeira díxome que de rapaz lle caera un lóstrego e non o matara, polo que todos lle tiñan certo temor.


Eu estaba na miña gloria con aqueles dous homes e escoitando os seus contos xa me sentía coma se eu mesmo os vivise nas miñas carnes. Así estivera en Italia e no sitio de Pensacola, e en Cádiz un bo fato de mozas louzás agardaban a miña vela. Ou como se fose.
O tempo foi pasando, eu fun collendo máis corpo, aprendendo do mundo, enchendo o peito de historias e do ardor por saber das terras de ultramar. Aínda me acordaba de Mariña, aquela rapaza da perdida nenez, e tamén das casas ardendo na negra noite dos piratas. Eu tiña ganas de vingar os meus, de ser un dos homes daquel nome co que todos soñamos desde o berce, aquel señor dos mares, o capitán Araña.


Polo mes de abril chegou o correo. Un propio veu á casa dos Mazaeda botando a lingua pola boca. E non era pa menos. ¡Novas do capitán Araña! ¿Vivía? O único home do mundo que podía botar a pique o falsario Arripai, ese malfeitor, a rapina do século que se enterraba entre piras de libros e estrondo de bombardas.


O amo Ricardo levoume á casa do rexador. Invitounos a ficar alí, no mellor casarón da vila, diante de boas viandas. Deunos a boa nova, tiña cartas escritas da man do seu fillo. Viño, ovos con chourizos, rachóns de leña no lar. Un galo vermello ben adobado serviunos a criada. Logo os dous cabaleiros fumaron as súas pipas do mellor tabaco e uns vasos de amontillado. Eu de criado moito non sacaba, máis co amo nunca me faltaba de comer e de vestir e onde el sentaba eu sentaba.


As cartas do capitán falaban do desastre do seu anterior barco, que eles mesmo tiveron que estoupar para que non caera presa dos piratas. Eran tres contra un e entre os atacantes, Arripai.


Eu cada vez estaba máis decidido a buscar aventura polo mar adiante. Se o capitán viña, buscaría ese favor. O meu pai contárame como lle salvara a vida o rexedor Pardiñas cando a carón dos indios chactas, aliados de España, loitaban na Luisana. Pois agora quería ser un grumete de tan nobre héroe. Non lle tiña medo á gloria dun bravo combate. Quería saír non só a por Arripai senón tamén para ter un barco meu e unha illa donde agocharme, forá da república das xentes, ao meu aire e albedrío. Ver mundo, coñecer portos cheos de enxarcias e velames, de cores e sabores. Agarrar a vida pola tampa do peito. Gañar un brinco na orella por visitar os sete mares. E unas boas arcas de moedas de ouro e prata coas que volver feito un home de proveito á casa. Coa miña zamarra e chapeu de tricorne forrado.


O capitán nas súas letras dicía que a piratería no Caribe andaba moi atacada aínda que a guerra contra Inglaterra facía moito dano ás colonias españolas e nada bo se sacaba dela. Que tiña casa de asento en Veracruz e puido armar unha nova goleta ben maniobreira co mellor da vella tripulación. Asaltara Xamaica, onde se apropiara de armas e canóns. Fixera dúas boas presas de holandeses que lle salvaron o inverno e puido pagar empréstitos. Mandaba dúas arcas con obxectos de valor e a boa nova da súa visita.

rafael lema
Rafael Lema autor de Capitán Araña


O país, a nosa pobre e magoada patria, andaba revolto coma o mundo. Novos tempos, un andazo de incultura e medo á sombra da guerra e da fame, o desastre da navegación polos continuos bloqueos. El-Rei armara unha formidable flota de corenta navíos para limpar os mares de piratas, contra o orgullo inglés. Viñanme ganas de enrolarme baixo pavillón español e correlos a todos, a eses anglicanos, ata a boca do inferno.

Ou agardar a chegada do gran capitán. Xa non había freo para a miña ansia de voar despois de tres anos de vivir entre vilegos comerciantes e encherme de batallas pola bocana dos oídos, de falar polos libros de velas ao vento, de relatar nas tabernas e ás portas das palilladas de que xeito Xasón e os seus argonautas acadaron a terra do solpor ou como Ulises de Ítaca retomou á patria.

Quería voar, voar na compaña do Gavián, servirlle de escudeiro, e procura na cova do lobo á súa irmá mandando ao foxo do báratro ao cornudo infame bucaneiro que tanto mal fixo nas católicas rías .


A criada do rexedor boto na mesa unas cuncas de chocolate e pan de ovo. Gozamos da velada e recordei que naquela preciosa noite facía dezaoito anos.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!


Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,310SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos