//Unha investigación acredita que Rosalía de Castro naceu un 23 de febreiro//
O Día de Rosalía xa non se celebrará, como ata o de agora, o 24 de febreiro. Así se acordou nunha xuntanza da Fundación Rosalía de Castro, que contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, en representación do goberno autónomo e de representantes da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), da Asociación de Gaiteiros, da Deputación da Coruña e dos concellos de Padrón e de Santiago de Compostela.
Unha investigación realizada por Sagrario Abelleira acredita que a data real de nacemento da poeta foi un 23 de febreiro.Toda esta información quedou recollida na publicación Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858), publicado co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
O secretario xeral de Política Lingüística deu conta do acordo para “celebrar á nosa poeta máis universal o 23 de febreiro, pois unha vez coñecida que esta é a auténtica data do seu nacemento, é un día que os galegos non podemos pasar por alto”, derivado da xuntanza entre representantes de entidades culturais e de distintas administracións que tivo lugar na Casa da Matanza, en Padrón.
O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis sinaladas do calendario cultural galego e, por primeira vez, o curso escolar 2021/2022 inclúe a celebración desta efeméride na súa programación. Unha data que ata o de agora, e ante o descoñecemento do día exacto do nacemento da poeta, se celebraba o 24 de febreiro, día en que recibiu o bautismo.
Logo deste acordo, que traslada a celebración ao día 23, a Xunta, a Fundación Rosalía de Castro e demais institucións e asociacións vinculadas á figura da poeta convidan á sociedade a renderlle homenaxe a Rosalía no seu día e en todos os demais lendo e poñendo en valor a súa obra.