– Rafael Lema-
«Cures e O Mouzo ao longo do tempo», é un libro-álbum de fotos de gran formato e coidada edición a cargo da Comunidade de Montes de Cures e Mouzo presentado este mes na Casa dos Veciños local, dentro do Concello de Vimianzo. No acto estaba a alcaldesa, Mónica Rodríguez, e os autores deste traballo de recolleita da cultura popular, sobre todo da gráfica, destes dous lugares de fronteira, xa que comparten terras de dúas parroquias (Cereixo e Carnés). Son: Valentín Alvite, Marcos Bugallo, Carmen Vázquez, Manuel López e Lito Roibás.
É ante todo un recordo dun tempo que foi, dos ancestros, das raigames de dous lugares que podían ser moitos outros da nosa bisbarra que compartiron unha cultura popular, pero tamén son donas dunhas marcas de identidade, de seu. Terras de palilleiras, canteiros, carpinteiros, e fidalgos.
De feirantes da feira de Ponte do Porto e ribeiráns dos regos que verten no río do Porto e na ría de Camariñas, fegreses de Nemancos e non de Soneira, as beiras das torres de Cereixo e do castro do Croado, onde sabemos que o rei dos mouros agocha o seu tesouro e tantas veces fomos a súa procura. Son fillos e netos de emigrantes en boa medida, poucas casas hai da nosa volta que non sexamos fillos-netos de emigrantes. Berce dun apelido, Mouzo, que é unha verdadeira marca de patria. Na que me inclúo.
Un traballo colectivo nutrido coa aportación dos veciños remexendo nas arcas de fotos dos faiados. Aínda que os autores dan algúns breves apuntes históricos, algunhas referencias da cultura popular galega, é sobre todo unha escolma de fotos. Imaxes do tempo detido, desa maxia que nos fai recordar intres, rostros que non son e volven.
A parte central (así éramos) é unha ollada cara atrás, aos labores o os días idos, onde saen os rostros das etapas da vida, do lar, dos oficios, da devoción, das romarías. Unhas marcas que seguen no estudo dos rostros das xentes destes dous lugares que teñen un álbum de memoria para contar aos donos do futuro sobre dous lugares peculiares e distintos mais tamén tan semellantes na irmandade da nosa cultura ancestral. Que nunca morra.