Publicamos a nota que nos remiten desde a asociación Costavales sobre a edición deste libro.
NOTA DE PRENSA -REMITIDA
A Asociación Costavales embárcase nun novo proxecto que pretende, por un lado, recuperar os camiños xacobeos marítimos que dende sempre comunican os portos da Costa da Morte (Caión, Malpica de Bergantiños, Barizo, Corme, Ponteceso, Laxe, Camariñas, Cereixo, Muxía e Fisterra) con Santiago de Compostela e, por outro lado, un itinerario post-xacobeo que permite a extensión da peregrinación xacobea á Fisterra e Muxía. Esta vía conecta Santiago coa costa a través da ponte de Portomouro e a meseta do Xallas (Santa Comba), deixando ao seu paso unha serie de recursos patrimoniais e paisaxísticos que debemos poñer en valor e ensalzar a súa historia.
O traballo de investigación foi encomendado a Don André Pena Granha (Doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga pola Universidade de Santiago de Compostela) e a Don Joam Evans Pim (Doutor en Ciencias Sociais pola Universidade Abo Akademi de Finlandia), e recóllese na obra “Vía Céltica: Os Camiños de Santiago por Santa Comba”.
A obra expón os fundamentos históricos, arqueolóxicos, arquitectónicos, culturais, relixiosos e antropolóxicos que respaldan a xacobeidade destes camiños. Publicada en galego, castelán e portugués, xa se atopa á venda en Amazon.
A primeira presentación pública da Vía Céltica está dirixida ós Alcaldes dos Concellos polos que discorren os itinerarios destes camiños Xacobeos, co obxecto de proporlles o desenrolo e posta en valor de cada tramo, unha vez que a Asociación Costavales ten rematada a fase de documentación Histórica.
Dita presentación terá lugar o vindeiro 23 de setembro de 2021, ás 11:00 horas, no Museo das Peregrinacións e de Santiago, sito na Praza das Praterías de Santiago de Compostela. Están convidados 19 Alcaldes e contará coa presenza dos autores da obra e membros da Xunta Directiva da Asociación Costavales.