«O Naranxo no trasmundo» (Fervenza Edicións, 2021), a primeira publicación da lalinense Inma Vilariño Vázquez, foi presentada o venres 20 de agosto as 19.00 horas na praza da Ribeira de Corme. No acto organizado pola asociación cultural Insua de Viastela acompañon á escritora, Xosé Manuel Varela, Rafael Lema e o cormelán Suso Lista.
O texto de Vilariño foi ilustrado pola artista plástica de Silleda Amalia López Brea «Luchi». A escritora está vinculada familiarmente a Corme, e no peculiar universo do Alén onde transcurre a derrota do seu personaxe aparecen dous creadores plásticos referentes da nosa comarca: Urbano Lugrís e Manfred Gnädinger, o Alemán de Camelle. Manuel González Ferradás (Santiso, 1897-A Xesta, 1945), O Naranxo que da título ao libro, é un singular tolo pedichón do Lalín de fai un século, tratado nun libro homólogo do escritor de Silleda Ramón de Valenzuela, publicado en 1974 no mítico selo Brais Pinto, pero que eu coñecía por un cuadro do pintor Laxeiro.
Pintura que enche a portada do libro de Vilariño e é unha das máis recoñecidas do artista do Deza. Inma Vilariño en 45 capítulos curtos dalle unha nova vida literaria a un curioso veciño nun barrio do Trasmundo, do Alén. No distrito de Breogán, na avenida do 26, Manuel o Naranxo, pasa o tempo con un fato de dezaos, algúns anónimos e outros ben coñecidos (Laxeiro, De Valenzuela, O piloto Loriga, o astrónomo Aller), ademáis de enrolar a outra serie de persoeiros do país.