Rafael Lema Mouzo
«Celtas, castrexos e romanos. Á procura dun pasado na historia de Galicia» de Francisco Xavier González García (Xerais, 2021) achéganos en 204 páxinas e dun xeito ameno, didáctico, pero sin evitar os temas máis polémicos a unha etapa crucial da nosa historia, para algúns incluso fundacional dunha estructura socio-política nova e cun peso de seu no transo da Prehistoria a nova xeira marcada polos documentos escritos. O nome de Galicia nace documentalmente nas descripcións e delimitacións xurdidas das relacións entre os habitantes do norte do río Douro e unha serie de enviados das civilizacións mediterráneas que con afán comercial ou invasor entran en contacto cos nosos ancestros, os kallaikoi ou galaicos.
O autor do libro
Francisco Xavier González García é Profesor Titular de Historia Antiga na Universidade de Santiago de Compostela. A súa investigación, caracterizada por unha aproximación antropolóxica ao estudo das sociedades antigas e protohistóricas, céntrase, entre outros ámbitos, na aplicación de modelos antropolóxicos ás sociedades prerromanas galaicas, a interacción cultural romano-indíxena na antiga Gallaecia e a análise da mitoloxía clásica. Nestre traballo na procura da orixe dos galegos o profesor sintetiza toda unha corrente centenaria de investigación, aportando as principais novidades dos últimos anos, facendo un repaso a unha longa tradición que ergueu ou asombrou certos nomes que seguen a xerar polémica (celtas, castrexos, a romanización).
Segundo a época na que nos situemos, os celtas, os castrexos ou mesmo os romanos foron considerados os nosos devanceiros, tal e como podemos comprobar nos textos dos eruditos e historiadores galegos dos séculos XIX e XX, explica a cartela. «Celtas, castrexos e romanos» sintetiza os principais procesos históricos da Antigüidade galaica: a aparición dos castros e as súas transformacións, o papel da guerra na vida social e cultural das poboacións do noroeste peninsular ou as mudanzas que estas experimentaron tras a conquista romana. Contra unha moi asentada escola que encumia a Roma e a cultura greco-latina contra o bárbaro, outros cremos en procesos (máis ou menos cruentos) de asimilacións e intercambio, no marco hispano e no galego; e na importancia no noso proceso histórico (que é noso, un xeito de estar e facer axeitado a nós) dos pobos que viviron nun espazo xeográfico que sobordaba o actual territorio de Galicia.
A partir dos materiais e avances da actual investigación o autor presenta Idade de Ferro galaica como un mundo moi variado (cultural, social, político), aberto a innovación e á transformación, onde tiveron un papel destacado os elementos culturais celtas ou actividades como a guerra. No mundo galaico houbo elementos lingüísticos de orixe céltica, lusitana e latina, e con eles a convivencia de características culturais desas orixes. No periodo romano o autor da un rol moi activo aos galaicos, sendo a romanización un proceso de interración cultural que xerou un xeito galaico de ser romano.
Xa desde o Bronce Final o territorio que vai do Douro ás beiras cántabras entra dentro dunha liña de intercambio comercial e cultural co Mediterráneo e cos pobos atlánticos cos que tanto compartimos, e presenta unha cultura definida, cuns rasgos comúns, a duns pobos que se saben irmandados e que son vistos como un todo polos alleos; malia que nesa cultura para moitos fundacional que é a dos castros como na creación da provincia romana de Gallaecia vemos evidentes diferencias no territorio. É moi interesante a clasificación que se fai na Segunda Idade do Ferro entre sociedades heroicas, que prevalecen ao norte de Fisterra ata a raia astur; sociedades de casa, que abarcan o sur e centro de Galicia. Ou as sociedades segmentarias agrarias, na parte oriental do país.
Nesta etapa volven a recuperarse os contactos comerciais co Mediterráneo, coa presenza de bens de prestixio, o incremento xeneralizado da riqueza e a reaparición do guerreiro especializado e das sociedades con guerreiros. As comunidades galaicas do noso entorno fisterrán (o mais céltico) volven a adoptar a configuración de sociedades heroicas, xefaturas guerreiras de longa tradición que ficarán neste espazo, mentras que na área das Rías Baixas e beira do Miño xorden as grandes citanias e xerarquías, un mundo mais permeable as asimilacións externas e menos violento co seu entorno tribal. Un marco máis axeitado para a romanización.
Foto portada- Castro A Cidá- Ribeira- Xosé Manuel Lema máis info aquí