Despois de dous días de descanso polos festivos locais do San Pedro no concello de Santa Comba, o programa “Na Encrucillada” que presenta Xosé Manuel Lema afronta desde este xoves, ás 11,00h, o último mes da presente tempada radiofónica.
Unha das protagonistas do programa do 1 de xullo será a coñecida Pili Pampín que acaba de lanzar o sinxelo “Gozaremos do verán”, composto por Samuel Bugía e producido por Dj Federato.
A artista de Rois, leva varias décadas no mundo da canción e é habitual en varios programas da TVG. Este xoves (sobre as 11,50) Pili Pampín falará en Radio Xallas.Compartimos aquí o vídeo de “Gozaremos do Verán”, no que tamén participan Roberto Vilar e os Kilomberos de Monte Alto.
FP Dual e novas tecnoloxías
Nesta nova edición de “Na Encrucillada”, xunto coas seccións habituais e as noticias comarcais, tamén se falará da FP Dual e das novas tecnoloxías co profesor do IES Maximino Romero de Lema e responsable do departamento de informática do centro, Óscar Rey Calo.
Sintonizar Radio Xallas
Radio Xallas pode sintonizarse desde o 107.5 FM . Tamén desde a páxina web do concello de Santa Comba (www.santacomba.es), desde a portada de Adiante Galicia (escoita aquí Radio Xallas) ou tamén a través da APP Radio Garden. Todos os programas compártense no Facebook de “Na Encrucillada” e na plataforma Ivoox