A Feira das Cereixas, a festa gastronómica de maior relevancia e tradición do Concello da Laracha, celébrase no primeiro domingo do verán, que neste ano será o 4 de xullo. O evento conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia.
Debido á situación sanitaria provocada polo coronavirus, nesta ocasión durante a mañá o único acto lúdico que animará a actividade comercial habitual durante a mañá será a presenza dunha charanga.
Consciente da importancia da data, o Concello programou para a noite do 4 de xullo un concerto de primeiro nivel cun dos nomes propios da música galega actual como é Xabier Díaz, que actuará en Paiosaco xunto a Adufeiras de Salitre.
Co propósito de controlar dun xeito óptimo os accesos, o evento terá lugar no recinto do CEIP Alfredo Brañas a partir das 22:00 horas. En todo caso o concerto celebrarase cun estrito cumprimento da normativa para eventos culturais destas características e as condicións do mesmo estarán suxeitas a posibles cambios de acordo ás medidas que poidan establecer ao respecto as autoridades sanitarias.
As entradas serán de balde. Para poder asistir como público o Concello habilitará este martes (22 de xuño) un formulario de inscrición na web municipal alaracha.gal, dando a opción de anotarse unha única persoa ou un grupo de convivintes (máximo de seis) para poder sentarse xuntos durante o concerto.
FOTO-I-radia Crea