– Xosé Manuel Lema-
A historia de Manuel Dopazo Gontade é a historia dun home que trunfou lonxe do seu país co canto da terra como recurso, cos sons dunha tradición que bebeu na súa Silleda natal.Un emigrante que logrou actuar coa súa gaita nos locais máis sobranceiros da Arxentina.
Naceu un 10 de maio de 1882 na parroquia de Manduas, en Silleda. Xa destacou no manexo da gaita de pequeno, obtendo algúns premios. A chamada do servizo militar provocou un xiro na vida deste home. Fuxiu con 19 anos, acompañado da súa moza, agochado nun barco rumbo a Arxentina.
Audio-Homenaxe en Radio Xallas a Manuel Dopazo
Os comezos na diáspora non foron sinxelos e apañouse como poido. Aínda que non tardou en poder amosar a un representante artístico as súas habilidades musicais. Non tardou en iniciar o seu camiño en solitario.
Logrou un importante éxito. Tanto como solista como co seu conxunto “Los gaiteros de Vilaverde”. Actuou en locais vencellados á emigración galega, asturiana ou española en xeral pero tamén nos grandes teatros e locais sociais da nación austral.
A opinión de Pablo Seoane
Sobre o virtuosismo de Dopazo opina o amigo e mestre gaiteiro, Pablo Seoane Méndez:”Manuel Dopazo foi un gaiteiro universal, para o meu criterio o mellor gaiteiro da súa época sen ningunha dúbida, capaz de facer auténticas marabillas coa gaita e de dominar o difícil arte de tocar e cantar ao mesmo tempo, sobre todo coa súa voz prodixiosa. Foi un gaiteiro excepcional”.
Participaba no mítico programa “Recordando a Galicia”. Gravou diversos discos e quedou inmortilizado nas pantallas coa súa aparición en dúas películas.
Manuel Dopazo deixou unha forte pegada e foi lembrado en distintas publicacións.No seu aspecto persoal comentar que tivo 11 fillos. Só regresou nunha ocasión a Galicia para visitar a súa nai. E que finou aos setenta anos, un 28 de abril de 1952.
GAITEROS DE VILAVERDE CON MANUEL DOPAZO