Antonio García de Seárez «Toni de Seárez» sostén un facho luminoso herdado dos vellos galeguistas. O micrófono acendido daquel mítico programa “Sempre en Galicia” ideado por Alfredo Somoza, segue activo máis de setenta anos despois. De Radio Carve a Radio Oriental.
“O segredo é o entusiasmo, as ganas. E somos moi queridos na radio (Radio Oriental) e temos un grupo de fillos e netos que garanten a continuidade” asegura Toni, que leva 42 anos dirixindo este espazo, que administra o Patronato da Cultura Galega de Uruguai.
Cada domingo as ondas de “Sempre en Galicia” ecoan por Uruguai, Arxentina e o sur do Brasil. “O noso programa non é político, é cultural. Recurrimos á música tradicional, ás novas de Galicia, temos un editorial sobre a realidade galega, entrevistas.É unha audición moi emotiva”.
Entrevista a Toni de Seárez en Radio Xallas- Desde o minuto 66
O secretario xeral para a Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, o director do xornal El Progreso, ou o veterano gaiteiro José Sánchez Muñiz, foron algúns dos últimos convidados. E teñen colaboradores, como o xornalista de La Voz de Galicia, Santiago Garrido.
“Para nós ser galego é unha condición moi importante. Na colectividade galega hai unha sensibilidade, somos xente que defende a súa terra a todas horas” comenta Toni de Seárez.E na conversa no programa “Na Encrucillada” saen a relucir anécdotas de Bergantiños e Xallas, da súa amizade con Eduardo Galeano, Daniel Viglietti ou Alonso Ríos.